As cooperativas integradas en Aira planean fusionarse

•As vendas e servizos conxuntos destas seis cooperativas acadan unha cifra de negocio de 93 millóns de euros

O acordo para impulsar unha única cooperativa de primeiro grao pechouse en Taboada o 8 de xuño. (Foto cedida).
• O pasado 8 de xuño, os representantes das cooperativas Agris, Icos, Cogasar, Coelplan e Leira, xunto coa cooperativa e fábrica de pensos Aira da que forman parte, acordaron promover  a súa fusión nunha única cooperativa de primeiro grao baixo a denominación Aira. A decisión deberá ratificarse nas correspondentes asambleas de socios, antes do 30 deste mes.
OS ESTUDOS REALIZADOS AVALAN A VIABILIDADE DA FUSIÓN
Segundo explicaron os responsables da iniciativa, o proxecto de integración comezou a tomar forma hai un ano, cando se decidiu realizar un estudo formal sobre a viabilidade económica dunha posible fusión entre estas seis cooperativas. As entidades viñan desenvolvendo actividades e cumprindo obxectivos comúns, que poderían canalizarse baixo unha única figura xurídica en forma de cooperativa de primeiro grao. Os resultados do estudo serviron de estímulo para afondar na idea, agora pendente da aprobación nas asambleas de socios.
OBXECTIVOS DA NOVA COOPERATIVA DE PRIMEIRO GRAO
Os responsables deste proxecto precisaron que o obxectivo fundamental desta fusión sería valorizar a produción dos socios, cun firme compromiso coa base social, garantindo a sustentabilidade do conxunto e apostando polo impulso comercial.
A NOVA COOPERATIVA TERÍA MÁIS DE 220 EMPREGADOS
Esta nova cooperativa de primeiro grao integraría a máis de 2.800 agricultores e gandeiros, cunha plantilla de máis de 220 empregados repartidos en 15 centros de traballo.
A NOVA AIRA PREVÉ AUMENTAR MÁIS DUN 10%  A CIFRA DE NEGOCIO EN 3 ANOS
Segundo os datos ofrecidos polos responsables do proxecto de fusión, a súa produción de leite supera os 310 millóns de litros anuais entre 1.100 explotacións. En canto a pensos e mesturas, a nova Aira sumaría a fabricación de 200.000 toneladas, que dan servizo a máis de 2.100 explotacións.
Os responsables da fusión adiantaron que o plan de negocio prevé un incremento superior ao 10% na cifra de negocio para os primeiros tres anos, cun investimento anual de máis de 2 millóns de euros.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

En marcha o programa PalillAD para impulsar o labor das palilleiras

Seguinte Nova

Impulso á promoción dos produtos galegos de agricultura ecolóxica

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: