Crónica del sur de Lugo

Máis de 200 persoas completaron os obradoiros de emprego que a Xunta organizou en Lugo e nos concellos da zona centro

•Alfonso Marnotes lembrou que os obradoiros de emprego impulsados pola Xunta amosan unha inserción laboral de preto do 60%

Os 210 alumnos e alumnas dos obradoiros de emprego da comarca de Lugo, acompañados polo delegado da Xunta e o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, o pasado 2 de xuño.
GPDTL
• A comezos deste mes, tivo lugar na sede da Delegación Territorial da Xunta en Lugo a entrega dos diplomas aos 210 alumnos e alumnas que participaron nos obradoiros de emprego que a Xunta organizou na cidade da Muralla e nos concellos da zona centro da provincia.
A FORMACIÓN, CLAVE PARA ACCEDER A EMPREGOS DE CALIDADE
Segundo explicou no acto o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, estes programas mixtos ofrecen formación de calidade, ademais de acceso a un posto de traballo. Marnotes salientou que a formación resulta clave para poder optar a empregos de calidade. O responsable autonómico lembrou que os obradoiros de emprego organizados pola Xunta rexistran unha inserción laboral cercana ao 60%.
OBRADOIROS CONXUNTOS
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral destacou tamén que estes obradoiros estimulan a colaboración institucional, xa que boa parte destes programas desenvolvéronse de xeito conxunto entre varios concellos. Por exemplo, Taboada participou nun obradoiro en colaboración con Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei, mentres que Láncara desenvolveu o seu obradoiro xunto con Baralla, As Nogais e Triacastela. Pola súa banda, O Páramo participou no obradoiro conxunto con Guntín e O Corgo.
CARACTERÍSTICAS
Os obradoiros incluíron especialidades profesionais relacionadas coa xardinería, construción, albanelería, e marketing e comunicación. As accións formativas estiveron destinadas a un perfil moi aberto, dende mozos e mozas menores de 30 anos ata persoas que superan os 50.
Un dos obxectivos destes obradoiros é contribuír á fixación de poboación no rural, xerando emprego de calidade.•
Tags:

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir a Inicio