Crónica del sur de Lugo

Presentan as conclusións da fase de consulta para elaborar o Plan Estratéxico Provincial de Turismo

•Entre outras accións, o Goberno provincial organizou cinco encontros sectoriais, nos que participaron 250 axentes do sector turístico ou vinculados a este ámbito

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, na presentación das conclusións da fase de consulta do Plan Estratéxico de Turismo. GPDL
• O Plan Estratéxico de Turismo da provincia de Lugo, que está a preparar o Goberno provincial, vén de completar a súa primeira fase, destinada a coñecer as necesidades, suxerencias e demandas dos profesionais do sector turístico da provincia, así como do resto dos axentes implicados neste ámbito, tendo en conta ademais a opinión de expertos na materia. Co fin de desenvolver esta fase de consulta, o Goberno provincial convocou un total de cinco mesas de traballo, entrevistas a expertos en turismo, e enquisas online a profesionais do sector privado. O balance destes traballos iniciais, que se desenvolveron durante os meses de febreiro, marzo e abril, foron presentados en rolda de prensa polo presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, e o deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde.
O Executivo provincial convocou cinco mesas de traballo, na que estiveron representados 48 concellos e 28 asociacións, ademais de oficinas de turismo, museos e outras entidades vinculadas a este ámbito. Así mesmo, o Goberno provincial realizou 20 entrevistas presenciais con expertos do eido académico, do sector público e privado, e axentes sociais. Por último, leváronse a cabo enquisas online a representantes do eido turístico no sector privado, acadando resposta de 74 empresas.
ESCASO DESENVOLVEMENTO TURÍSTICO
En canto á situación do sector, detéctase que o grao de desenvolvemento turístico da provincia é medio-baixo segundo os participantes nas mesas de traballo, e nas enquisas o 32% o consideran baixo, e o 28% moi baixo.
ALTO POTENCIAL TURÍSTICO EN XERAL
Sobre o potencial turístico, as mesas de traballo ven un potencial alto ou moi alto para os xeodestinos Ribeira Sacra, Ancares-Courel, Lugo e A Mariña lucense, mentres que se valora como medio o potencial da Terra Chá. Nas enquisas a empresas, o 64% consideran alto ou moi alto o potencial turístico da nosa provincia.
PROVINCIA COMPETITIVA EN TURISMO
A competitividade da Ribeira Sacra e de Ancares-Courel está nun grao medio para as mesas de traballo, que consideran medio-alto o grao de competitividade da Terra Chá e a Mariña. Sobre este tema, o 63% dos enquisados estiman que a provincia de Lugo como destino é moi competitiva.
PUNTOS FORTES E DÉBILES DO SECTOR
Tanto nas mesas como nas enquisas e nas entrevistas a expertos, detectáronse como puntos positivos a atención ao cliente, a riqueza paisaxística, e as comunicacións por estrada. Como puntos débiles, as consultas apuntaron ás comunicacións por ferrocarril, e o transporte público por estrada.
ESTRATEXIA COMBINADA NA PROMOCIÓN E NA COMERCIALIZACIÓN DO PRODUTO TURÍSTICO
En canto á promoción turística, houbo unanimidade en apostar por unha estratexia combinada online e offline, que integre unha web turística da provincia, promoción por redes sociais, apps turísticas, presencia en feiras sectoriais e posta en marcha de campañas publicitarias.
SEGUINTES FASES NA ELABORACIÓN DO PLAN
Unha vez completada a fase de consulta, o presidente da Deputación anunciou que o deseño do Plan Estratéxico de Turismo continúa cunha fase de diagnose, trala que se establecerán os retos e liñas estratéxicas de cara a definir o plan de acción.
Na rolda de prensa, o deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, insistiu en que o Plan vai tomar como base “as inquedanzas do sector”, co obxectivo de “desenvolver propostas que respondan ás verdadeiras necesidades que puxeron na mesa os que realmente contactan cos viaxeiros e palpan as súas sensacións cando veñen á provincia”.•

•UN PLAN PARA UN TURISMO SOSTIBLE

•O Goberno provincial explicou que o Plan Estratéxico de Turismo da provincia de Lugo (2017-2020) ten como obxectivo xeral impulsar o crecemento e a transformación do sector turístico na provincia para facelo máis competitivo, innovador e participativo, e promover así unha nova etapa no desenvolvemento turístico sostible

•RECURSOS ESTRELA POR XEODESTINOS

•RIBEIRA SACRA: gastronomía, románico e viticultura
•ANCARES-COUREL: pallozas e patrimonio cultural
•TERRA CHÁ: gastronomía e Castro de Viladonga
•LUGO: patrimonio natural e cidade
•A MARIÑA: gastronomía, Praia das Catedrais e patrimonio cultural

•RETOS PARA PROFESIONALIZAR  O SECTOR TURÍSTICO LUCENSE

•A formación resulta clave para acadar un sector máis profesionalizado
•O manexo de idiomas, o marketing turístico e o emprego das novas tecnoloxías son os aspectos nos que máis se debe mellorar no sector

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio