As Xornadas da Rota do Románico cumplen 30 anos

O Concello de Pantón leva tres décadas poñendo en valor o patrimonio cultural do municipio, co Románico como seña de identidade

A presentación das XXX Xornadas da Rota do Románico tivo lugar no Balneario de Augas Santas, a cargo da profesora Flora Enríquez e o ex alcalde de Pantón, José Manuel Ledo, o 15 de maio. EC

 

• Pantón celebra o trixésimo aniversario das Xornadas da Rota do Románico, cun programa de actos que se desenvolverá ata o mes de agosto. Esta iniciativa do Concello de Pantón ten como obxectivo poñer en valor a riqueza patrimonial deste municipio, tendo a arte románica como referencia da súa identidade cultural.
RECUPERACIÓN DO FONDO BIBLIOGRÁFICO SOBRE PANTÓN
A edición número trinta destas Xornadas contou cunha introdución de luxo no mes de abril, data na que se presentou a segunda edición do libro “Pantón. Historia e fidalguía”, do investigador Isaac Rielo Carballo. Deste xeito, o Concello recupera unha das obras máis emblemáticas do fondo bibliográfico sobre a cultura e o patrimonio de Pantón.
O TERMALISMO, UNHA DAS SEÑAS DE PANTÓN, CENTRA AS XXX XORNADAS
Segundo explicou a profesora Flora Enríquez na presentación das XXX Xornadas, este evento trata de amosar os diversos elementos que compoñen o valor patrimonial de Pantón, tendo como referencia en cada edición un dos factores máis significativos deste tesouro. Nesta liña, o Concello de Pantón adica a edición número trinta ao termalismo, a través da figura do doutor Luis Rodríguez Míguez. Segundo explicou na presentación das Xornadas o médico e ex alcalde de Pantón José Manuel Ledo,
o doutor Rodríguez Míguez foi o principal impulsor do termalismo en Galicia nos últimos 30 anos, xa que, entre as súas aportacións á docencia sanitaria, foi o creador da Cátedra de Hidroloxía Médica na Universidade de Santiago. A súa figura protagoniza o primeiro dos actos das Xornadas, o venres 26 de maio ás 20 horas, no salón de actos do Edificio Sociocultural de Ferreira. No evento participarán, ademais do doutor Ledo López, o doutor Roberto Vila Rodríguez, médico-cirurxán no Hospital Cristal-Piñor de Ourense, e o doutor Manuel Noya García, catedrático de Patoloxía Médica na Universidade de Santiago. O acto contará con acompañamento musical, a cargo do grupo de cámara do conservatorio Mestre Ibáñez de Monforte.
MÚSICA DE CÁMARA NO MOSTEIRO DE FERREIRA O 4 DE XUÑO
A música ocupará o seu tradicional espazo nas Xornadas da Rota do Románico, coa celebración, o domingo 4 de xuño, da VI Edición da Sinfonía no Mosteiro. Os asistentes poderán disfrutar da actuación de Mendinho Grupo de Música Antiga, a partir das 19 horas na igrexa do Convento das Bernardas de Ferreira.
ONOMÁSTICA DE PANTÓN E DECORACIÓNS MURAIS DA RIBEIRA SACRA
A cultura dos nomes protagonizará a conferencia do venres 9 de xuño. A partir das 20 horas, no salón de actos do Concello de Pantón, Ana Isabel Boullón Agrelo, profesora titular de Filoloxía Galega e Portuguesa na USC, falará sobre “Os apelidos das Terras de Pantón”.
Pola súa banda, a arte centrará a seguinte conferencia, que estará a cargo de Mar López Sotelo, educadora social e estudiosa da Antropoloxía. A súa exposición, baixo o título “Encintados: decoracións murais na Ribeira Sacra”, desenvolverase o venres 16 de xuño ás 20 horas, no salón de actos do Concello de Pantón.
SENDEIRISMO SEGUINDO A ARTE DE PANTÓN
Este motivo artístico é o eixo da ruta de sendeirismo “Encintados e románico en Pantón”. A actividade terá lugar o sábado 17 de xuño, con saída ás 9,30 horas da praza do Concello en Ferreira, para continuar polas parroquias de Deade e San Fiz de Cangas.
CONCERTO E PRESENTACIÓN DE LIBRO EN AGOSTO
A programación das XXX Xornadas da Rota do Románico continuarán no mes de agosto, cunha actuación o día 11, a partir das 23 horas, do grupo The Poet’s Silence, na praza do Concello en Ferreira. O día 18, ás 20 horas, presentarase a terceira edición do libro “Reseña histórico-descriptiva de la parroquia de Vilar de Ortelle y su comarca”, emblemático libro de Ramón Castro López, editado orixinalmente en 1929 e que constitúe unha das pezas bibliográficas da contorna máis demandadas polos historiadores e estudiosos.
EXPOSICIÓN DOS CARTEIS DAS 30 EDICIÓNS
A traxectoria gráfica destes primeiros 30 anos das Xornadas da Rota do Románico pode contemplarse na exposición dos carteis que publicitaron o evento ao longo da súa existencia. A mostra está aberta dende o 17 de maio, e durante todo o mes de xuño, no segundo andar do Edificio Sociocultural de Pantón.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Seguinte Nova

Música e riqueza etnográfica para celebrar a XVII Mostra do Aceite de Quiroga

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: