Volve o programa provincial Movémonos, destinado a concellos pequenos e colectivos sociais

• O presidente da Deputación adiantou as características deste programa deportivo, saudable e social, dotado con 119.000 euros

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, deu a coñecer a nova edición do programa Movémonos, a finais de abril. GPDL
• A Deputación de Lugo vén de iniciar os trámites de contratación dunha nova edición do Movémonos, o programa deportivo, saudable e social que o organismo provincial ofrece a concellos pequenos e colectivos sociais.
CLÁUSULAS SOCIAIS NO CONTRATO DESTE PROGRAMA
Segundo explicou en rolda de prensa o presidente da Deputación, Darío Campos Conde, este programa conta cunha achega provincial de 119.000 euros. A finais de abril, iniciouse o proceso de contratación desta iniciativa para os anos 2017 e 2018. O mandatario provincial salientou que este contrato incorpora cláusulas sociais, “de xeito que o adxudicatario deberá contratar a un mínimo de 14 profesionais, que non poderán recibir menos de 15 euros por hora de traballo”. Con esta medida, “melloramos as súas condicións salariais respecto do convenio do seu sector, o de instalacións deportivas e ximnasios, que establece 6 euros por hora”, precisou o mandatario provincial.
A finalidade destas cláusulas é, segundo apuntou Campos Conde, “defender aos traballadores e ás persoas con capacidades diferentes”.
DESTINATARIOS DO PROGRAMA
O programa Movémonos ofrece máis de 8.000 horas de actividades, que van dirixidas a asociacións de todos os concellos de menos de 5.000 habitantes, e a colectivos con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social de toda a provincia. En total, poderán participar no programa máis de 80 colectivos lucenses, que se beneficiarán de xeito totalmente gratuíto de actividades de ximnasia ou mantemento, entre outras.
O ano pasado, o programa provincial Movémonos contou coa participación de 1.300 veciños vinculados a máis de 80 asociacións.
Campos Conde salientou que o obxectivo do Movémonos é favorecer o rural da provincia, e a igualdade de oportunidades en todos os concellos.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Demandan solucións para paliar os danos das xeadas nas viñas da Ribeira Sacra

Seguinte Nova

O club Korbis, terceiro no Campionato Galego infantil celebrado en Monforte

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: