Os socialistas esixen á Xunta «compromiso firme» na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

• Fernández Leiceaga visitou Castro Caldelas e Monforte, para destacar o carácter biprovincial da Ribeira Sacra

O alcalde de Monforte, o socialista José Tomé, na rolda de prensa que ofreceu o voceiro do PSdeG-PSOE na Cámara galega, Xoaquín Fernández Leiceaga, na cidade do Cabe o 20 de abril.
(Foto: PSdeG-PSOE).
• A reactivación do proceso de presentación da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade diante da UNESCO centrou unha iniciativa do Grupo Parlamentario Socialista presentada no Pleno de abril da Cámara Galega. O seu portavoz, Xoaquín Fernández Leiceaga, esixiu á Xunta un «compromiso firme en sede parlamentaria» para desbloquear este proceso, reclamando que o Goberno galego presente un «calendario crible, realista e dilixente» para tramitar diante da UNESCO esta petición.

 

Visita de Fernández Leiceaga ao Castelo de Castro Caldelas, acompañado pola alcaldesa, Sara Inés Vega, e varios representantes socialistas da provincia de Ourense.
(Foto: PSdeG-PSOE).
«POÑER Á RIBEIRA SACRA NUN MAPA EN TODO O MUNDO»
Na súa visita a Monforte, posterior á parada do socialista en Castro Caldelas, Leiceaga explicou que a iniciativa parlamentaria dos socialistas recolle as aprobadas previamente nas Deputacións de Lugo e Ourense, ademais dos concellos das comarcas de Lemos e Caldelas. Coa súa visita, Leiceaga lembrou o carácter «biprovincial» da Ribeira Sacra, elemento que cre «debe servir de acicate para que a Xunta sexa dilixente». O voceiro socialista precisou que «é á Xunta a quen lle corresponde» o trámite dunha declaración que «significa poñer a esta zona nun mapa en todo o mundo».
«IMPULSAR OPORTUNIDADES NUNHA ZONA AFECTADA POLO DESEQUILIBRIO TERRITORIAL»
Fernández Leiceaga salientou que a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade sería unha «oportunidade para combater a regresión demográfica» e impulsar «a creación de emprego, riqueza e oportunidades» nunha zona «afectada polo desequilibrio territorial». O socialista criticou o «bloqueo» da Xunta a esta iniciativa, e pediulle «rematar con demasiado tempo de retórica sen feitos».
Leiceaga estivo acompañado polo alcalde de Monforte, entre outros representantes locais e provinciais. José Tomé reivindicou unha declaración de Patrimonio da Humanidade «compatible co desenvolvemento rural» e coas actividades agrogandeiras, xa que estas foron «durante anos as que moldearon a paisaxe natural e conformaron o entorno que hoxe temos».•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Nova edición da Ruta BTT Castelo Bike en Monforte

Seguinte Nova

Recepción oficial no Concello á atleta Saleta Fernández

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: