Aprobados 500.000 euros en axudas provinciais para traídas de auga

•Destinaranse ao arranxo ou a construción do suministro en 31 núcleos rurais •O Goberno provincial destina ao programa un total de 1,5 millóns de euros

As primeiras axudas para traídas de auga do Plan de Mellora de Infraestruturas Rurais aprobáronse na Xunta de Goberno provincial do 3 de febreiro. GPDL
As primeiras axudas para traídas de auga do Plan de Mellora de Infraestruturas Rurais aprobáronse na Xunta de Goberno provincial do 3 de febreiro. GPDL
• A Deputación de Lugo vén de aprobar o primeiro paquete de axudas do Plan de Infraestruturas e Equipamentos do Medio Rural, referentes á liña de mellora do abastecemento e da calidade da auga. Na Xunta de Goberno celebrada o 3 de febreiro, o Executivo provincial aprobou unha partida de 500.000 euros en axudas de concorrencia competitiva, que se destinarán a construír ou mellorar un total de 31 traídas de auga en 21 concellos da nosa provincia.
MÁIS CALIDADE DE VIDA E POTENCIAR O SECTOR PRIMARIO
«Son máis de 1.200 veciños de núcleos rurais os que se beneficiarán destas axudas», explicou o portavoz do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos. O voceiro provincial lembrou que o Plan de Infraestruturas e Equipamentos do Medio Rural de 2016 está dotado con 1,5 millóns de euros. «Con este Plan, tratamos de potenciar a calidade de vida no rural e o sector primario, levando servizos públicos fundamentais para o día a día dos veciños que viven en pequenos núcleos desta provincia», precisou Santos Ramos.
ANTICIPO DO 95% DO IMPORTE, E CRITERIOS MÁIS SOCIAIS
O Plan inclúe varias novidades. Por unha banda, a Deputación ofrece un anticipo do 95% da axuda, en total 475.000 euros, «para que estas obras se inicien canto antes, contribuíndo ao traballo de ducias de autónomos e pequenas empresas lucenses, que se encargarán de executar as obras». Por outro lado, este ano inclúense baremos sociais nas bases da programación, para favorecer aos veciños de núcleos máis illados, e aos que vivan do sector primario. Deste xeito, establecéronse como criterios de valoración o número de usuarios do rural que se ían beneficiar do servizo, e o número de usuarios do sector primario beneficiados coa actuación solicitada, ademais do despoboamento da zona, primando aos núcleos situados en Concellos de menos de 1.000 habitantes. Tamén se tivo en conta o grao de necesidade, dando prioridade aos núcleos que non teñen traída ou as ampliacións de redes en núcleos con explotacións gandeiras. Por último, considerouse como criterio a sustentabilidade, primando os prezos máis competitivos.
AXUDAS NO SUR PARA NOVAS TRAÍDAS
Segundo estes requisitos, o Goberno da Deputación aprobou axudas por valor de 350.000 euros para crear 14 novas traídas de auga en núcleos rurais que non teñen este servizo. No sur de Lugo, destínase unha achega de 28.693 euros para dotar de traída ao núcleo de San Cristóbal Norte, en Taboada, que beneficiará aos 20 veciños dunha zona na que hai nove explotacións gandeiras. No municipio de Samos, construirase a traída de auga no núcleo de Castro Praducelo, con máis de 20 veciños, grazas á axuda de 30.000 euros. En Folgoso do Courel, instalarase a traída de Castro de Órreos, beneficiando aos 7 veciños da aldea, cunha aportación de 30.000 euros. No mesmo municipio, a Deputación concedeu outra axuda de 26.045 euros para a traída de auga da parroquia de Santa María de Meiraos, de 130 veciños.
ACHEGAS NO SUR PARA A MELLORA DAS TRAÍDAS EXISTENTES
En canto ás melloras nas redes de suministro existentes, a Deputación aprobou 17 axudas por importe global de 150.000 euros.
Na zona sur, realizaranse melloras na traída de Santa Lucía, en Bóveda, cunha axuda de 10.000 euros, para mellorar o servizo aos 10 veciños da zona. Pola súa banda, no municipio de Quiroga, vaise arranxar a traída e realizar a limpeza dos mananciais que surten a Sequeiros, núcleo con 25 veciños, a través dunha axuda de 9.975 euros.
As actuacións no municipio de Ribas de Sil inclúen o arranxo da traída en Figueiredo, parroquia con 20 veciños, grazas á axuda provincial de 10.000 euros, e o arranxo da rede de suministro na aldea da Cubela, con outros 10.000 euros de aportación, en beneficio dos 20 veciños deste núcleo. Segundo explicaron os responsables municipais, con estas dúas actuacións en Ribas de Sil, vanse mellorar as rutas de sendeirismo desta zona, que inclúen a Ruta Cubela, a Circular e a Ruta de Minas Auríferas.
Por último, en Samos vaise arranxar a traída de auga en Trascastro, cunha achega de 7.913 euros, que beneficiará aos 70 vecinos da zona.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Inaugurada nos Peares a central hidroeléctrica de San Pedro II

Seguinte Nova

Case 270 mozos e mozas de menos de 40 anos asumiron a titularidade de granxas en Lugo en 2016

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: