Máis de 400 asociacións de 56 concellos lucenses reciben as subvencións da Deputación para actividades culturais

• Desenvolverán 545 actividades grazas a estas aportacións do organismo provincial • Por vez primeira, o reparto das subvencións priorizou as actividades que se realicen no rural, e que vaian destinadas a persoas con capacidades diferentes, maiores e mulleres

A labor cultural e de dinamización do rural que realizan as asociación e colectivos veciñais é fundamental na provincia de Lugo. (Foto: MONTERO).
A labor cultural e de dinamización do rural que realizan as asociación e colectivos veciñais é fundamental na provincia de Lugo. (Foto: MONTERO).
• Na última semana de decembro, a Deputación de Lugo aprobou a resolución da convocatoria de subvencións destinada a colectivos e asociacións para a realización de actividades culturais nos Concellos. As achegas beneficiarán a 407 asociacións de 56 municipios, cun importe total de 400.000 euros.
CONVERTER Á DEPUTACIÓN “NUNHA INSTITUCIÓN COAS PERSOAS, SOCIAL E RURAL”
Esta convocatoria de axudas inclúe como novidade a aplicación das cláusulas sociais ás bases da convocatoria, segundo explicou o presidente da Deputación, Darío Campos Conde. Deste xeito, “favorécese a celebración de actividades en núcleos rurais, dinamizándoos socialemente”, destacou. O mandatario provincial suliñou ademais que as subvencións primaron as programacións dirixidas “aos máis vulnerables, como por exemplo, aos maiores ou a persoas con capacidades diferentes”. Campos Conde apuntou que “todo isto vai dentro da nosa aposta por converter a Deputación nunha institución coas persoas, social e rural”.
MÁIS ACTIVIDADE NO RURAL
As axudas desta convocatoria da Área de Cultura provincial primaron as actividades dirixidas á terceira idade, ás persoas con capacidades diferentes, ás mulleres, aos cativos e á mocidade. Ademais, tívose en conta a dispersión territorial e poboacional para priorizar as programacións que se levan a cabo no rural. Outro dos factores valorados na convocatoria das achegas foi o impacto e a repercusión da actividade subvencionable entre a sociedade, ou o fomento da cooperación entre varias asociacións culturais.
Así, o Goberno provincial aprobou axudas para asociacións como a Banda de Gaitas do Courel, para ofrecer clases de música en Folgoso; ou a Asociación de Mulleres Rurais da Carballeira do Páramo, para realizar cursos de restauración e pintura. Pola súa banda, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Monforte recibirá unha subvención para desenvolver un proxecto cultural na comarca. Tamén en Monforte, Auxilia recibirá unha axuda para actividades culturais de integración. Outro dos colectivos beneficiados é a Asociación de Xubilados de Taboada, que organiza cursos e eventos culturais con esta aportación económica.
En total, na zona sur de Lugo foron concedidas 74 axudas, por importe total de 55.935 euros, a 59 asociacións dos concellos de Bóveda, Chantada, Monforte, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober e Taboada. Na comarca de Sarria, foron 31 as axudas aprobadas, por un valor global de 25.499 euros, para 26 colectivos dos concellos de Sarria, O Incio, Láncara, Paradela, O Páramo e Samos.
VARIAS ACHEGAS EN CHANTADA
Entre os colectivos beneficiados en Chantada, a asociación Amigos do Folión recibiu unha axuda provincial para a organización do Folión de Carros, e Chantada Films outra para a rodaxe dunha curtametraxe.  Tamén a Irmandade País do Faro beneficiarase dunha achega da Deputación para publicar a Revista Alicerces, e a Coral Polifónica chantadina terá unha aportación provincial para un curso de técnicas vocais, linguaxe musical, solfeo e vocalización. A Asociación Faro-Miño contará cunha subvención para a Mostra de Teatro Popular Maruxa Villanueva, mentres que a Asociación Castanhazo terá outra aportación provincial para organizar un concurso de cantos de taberna, un obradoiro de regueifas, e un magosto, entre outras actividades. Pola súa parte, a Deputación subvenciona concertos, unha exposición e o II Ciclo de Outono da Banda de Música de Chantada. Ademais, a asociación Liviao de Marrao recibirá unha subvención para realizar unha foliada, a rodaxe e produción dun clip, e exposicións.  Así mesmo, a Asociación Educativo-Cultural Airoá Comunicación contará cunha achega provincial para o proxecto documental “O Moredo. A resistencia do Entroido Ribeirao”, e a Asociación cultural Casa da Música outra para desenvolver clases de música, danza e baile.
DIVERSAS APORTACIÓNS A COLECTIVOS DE MONFORTE
En Monforte de Lemos, a Asociación Museo Casa de Muñecas contará con axuda provincial para obradoiros de miniaturas en centros de ensino, e Cruz Roja terá apoio económico para obradoiros de memoria, informática e manualidades. Os Lactouros contarán con axuda para as XXXVIII Xornadas Micolóxicas-Viaxes Culturais. Pola súa banda, a Asociación de Veciños de Ribasaltas terá unha axuda para cursos de manualidades e artesanía. O colectivo Xograres de Lemos disporá dunha achega provincial para clases de música tradicional, e a Asociación San Martín de Piñeira terá outra para clases de bolillos. Os Amigos da Pandeireta contarán cunha subvención para actividades de formación e difusión da cultura tradicional, e Agora terá apoio para organizar eventos de cultura e lecer destinados a persoas con discapacidade, e viaxes culturais. A Asociación de Rioseco disporá dunha achega para o magosto, o Nadal, un obradoiro de pandeireta e unha excursión, e a Deputación tamén apoiará as actividades culturais da Asociación Veciñal a Xuntanza de Santa Mariña do Monte. O Centro Cultural Recreativo Renfe contará con axuda para os Concertos de Corais, e a Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra terá apoio provincial para percorridos polos Camiños de Inverno e Francés. Pola súa banda, a ANPA do colexio dos Escolapios destina a súa achega a actividades de conservación das tradicións.
SUBVENCIÓNS PARA ACTIVIDADES ANUAIS OU PUNTUAIS
As subvencións da Área de Cultura inclúen achegas de entre 300 e 8.000 euros para actividades anuais e principais do solicitante, e outras entre 300 e 6.000 euros, para eventos puntuais.•
ALGUNHAS DAS SUBVENCIÓNS EN SARRIA
•Entre as axudas aprobadas pola Deputación en Sarria, hai unha á Asociación Río Celeiro para unha viaxe cultural, e outra á Asociación de Negocios do Malecón e Río Sarria para eventos como o Día das Letras Galegas, Feira de Artesanía, e actuacións de música e baile tradicionais. La Unión tamén conta cunha achega para a XV Exposición Fotográfica Histórica e o entroido infantil, e a ANPA da EEI de Sarria disporá doutra para talleres creativos sobre cultura tradicional. A Asociación Arsactus conta con subvención para o Festival Artes do Camiño, e Ergueitos terá apoio para a unidade informativa de interpretación do roteiro Fiz Vergara. A Deputación tamén apoia a Meigas e Trasgos na segunda parte da catalogación e renovación da musealización, e tamén a Peleriños na promoción e difusión da música e baile tradicionais. Sarricanta conta con achega para curso de pintura e transporte do coro, e a asociación veciñal Ajuilaouca terá apoio para obradoiros de baile e canto tradicionais.•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Novas iniciativas culturais en Quiroga para este trimestre

Seguinte Nova

Luís Villares abriu o ciclo de conferencias no Círculo Saviñao

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: