A Casa da Xuventude ofrece en Chantada un espazo de encontro, información, lecer e cultura para os mozos e mozas

Preto de 400 participantes nas actividades organizadas polo Centro

A Casa da Xuventude acolle con regularidade charlas divulgativas, como a celebrada o Día contra a Violencia de Xénero. EC
A Casa da Xuventude acolle con regularidade charlas divulgativas, como a celebrada o Día contra a Violencia de Xénero. EC
● A mocidade de Chantada disfrutou, un ano máis, dos servizos de información, lecer e cultura que ofrece a Casa da Xuventude, que ademais realiza unha intensa labor de información e divulgación.
MÁIS DE 300 CONSULTAS SOBRE INFORMACIÓN DE INTERESE PARA A XUVENTUDE
Neste aspecto, a Casa da Xuventude atendeu en 2016 máis de 300 consultas sobre información relacionada con viaxes, estudos e orientación para a toma de decisións en temas relacionados coa formación. A información que ofrece este centro chantadino complétase cos datos sobre o carné xove, as actividades organizadas pola propia entidade ou por outras institucións. Así mesmo, a Casa da Xuventude colabora cos IES Lama das Quendas e Val do Asma, a través do programa dos Correspondentes Xuvenís.
PRETO DE 400 PARTICIPANTES NAS ACTIVIDADES ORGANIZADAS POLO CENTRO
O calendario de actividades organizado pola Casa da Xuventude desenvólvese por trimestres, sumando o ano pasado un total de 380 participantes de entre 10 e 30 anos. A programación propia da Casa da Xuventude integrou sesións de pintura ao óleo, debuxo técnico, deseño gráfico, fotografía, obradoiro de inventos, obradoiro de luz e son, obradoiro de reciclaxe, modelado en barro, cestería, obradoiro de monicreques, teatro, enredad@s na rede e photoshop.
MÁIS DE 500 USUARIOS DA ZONA DE ENCONTRO E LECER
Un dos atractivos da Casa da Xuventude de Chantada é a súa capacidade para funcionar como punto de encontro da mocidade. Con este fin, o centro pón á disposición dos mozos e mozas a aula de informática e unha zona wifi gratuíta, ademais dun espazo dotado con xogos de mesa, e outra zona con salas de reunión para realizar traballos académicos en grupo. Este espazo de encontro e lecer foi empregado por 510 persoas ao longo de 2016.
PULO AO TEATRO NA CASA DA XUVENTUDE
O teatro conta con estatus propio na Casa da Xuventude. O centro ten en funcionamento a súa propia aula de teatro, que ofrece as súas estreas tanto no escenario habilitado na Casa como no Auditorio Municipal de Chantada ou na Residencia Geriatros da localidade. Tamén acolleu ao longo do ano diversas actuacións de grupos da contorna, como a formación chantadina Argalleiras Teatro, ou o grupo do IES A Pinguela de Monforte, que representou a obra titulada “Xistral”, en homenaxe a Manuel María polo Día das Letras Galegas 2016.
EXPOSICIÓNS DE ARTE E FOTOGRAFÍA TODO O ANO
A programación da Casa da Xuventude complétase cun amplo abano de exposicións, ademais de incentivar a creación a través da exposición dos traballos dos alumnos das actividades, ou da organización anual do Outono Fotográfico. O ano pasado, máis de 600 persoas visitaron o espazo expositivo deste Centro.
INTEGRACIÓN SOCIAL
Con toda esta actividade, a Casa da Xuventude busca traballar “para a xuventude e coa xuventude”, promovendo a educación non formal, a formación en valores e a dinámica de equipo, sobre o eixo da integración social e da igualdade de oportunidades.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Concello de Monforte reedita o Cancioneiro de Manuel María

Seguinte Nova

O Concello de Monforte e o Eixo Atlántico reclaman a implicación da Xunta para impulsar a actividade do Porto Seco

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: