O Goberno provincial ingresou 2,2 millóns de euros aos concellos para crear novos postos de traballo no programa DepuEmprego

• Esta cantidade corresponde ao anticipo do 90% que o Executivo provincial ofreceu aos concellos para axilizar a contratación de traballadores

A finais de outubro, o presidente da Deputación, Darío Campos, e o vicepresidente, Álvaro Santos, visitaron o concello de Trabada, un dos 55 municipios lucenses que decidiron sumarse ao programa DepuEmprego. GPDL
A finais de outubro, o presidente da Deputación, Darío Campos, e o vicepresidente, Álvaro Santos, visitaron o concello de Trabada, un dos 55 municipios lucenses que decidiron sumarse ao programa DepuEmprego. GPDL

• A finais de outubro, a Deputación de Lugo ingresaba un total de 2,2 millóns de euros aos Concellos en concepto de adianto das achegas que establece o programa DepuEmprego. Esta iniciativa da Deputación busca o fomento do emprego nos concellos de menos de 20.000 habitantes a través da creación de novos postos de traballo, cos que os Concellos poidan reforzar os servizos que prestan aos veciños. As achegas da Deputación van destinadas a pagar os custos laborais e de seguridade social dos traballadores que sexan contratados polos Concellos.
Segundo explicou o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, duranta a súa visita a Trabada, estes 2,2 millóns de euros corresponden ao anticipo do 90% das achegas que o Executivo provincial decidiu adiantar aos Concellos para axilizar a contratación dos traballadores. Ao DepuEmprego sumáronse un total de 55 concellos da provincia.
Trabada foi un dos municipios que presentou a súa solicitude ao DepuEmprego. A alcaldesa, Mayra García Bermúdez, explicou que para o seu Concello estas contratacións “son imprescindibles, xa que temos que recurrir ao servizo que nos ofrece a Deputación para atender aos nosos veciños en materia de urbanismo, e tampouco podemos ofrecer atención no ximnasio municipal por falta de persoal”. A rexedora local explicou que esta situación débese “ás limitación do Goberno central, que impide ás entidades locais celebrar procesos de selección de persoal municipal”, coas consecuencias que se derivan na atención aos veciños.
Pola súa banda, o mandatario provincial lembrou que, no DepuEmprego, son os concellos os que deseñaron os perfíl profesionais que solicitan, segundo as súas necesidades. Os concellos tamén se encargan do proceso de selección, e de achegar aos solicitantes toda a información sobre prazos e características.
O DepuEmprego esixe aos Concellos que primen a contratación de maiores de 45 anos, parados de longa duración, vítimas de violencia de xénero ou persoas con discapacidade, entre outros colectivos en risco de exclusión social.•

•No sur de Lugo xa está en marcha a contratación de 25 traballadores

• No total da provincia, a finais de outubro 24 Concellos iniciaron o proceso de selección de traballadores para cubrir 71 novos postos de traballos. No sur lucense, foron 9 os Concellos que empezaron o proceso selectivo para cubrir un total de 25 postos de traballo de nova creación.
ANIMADORES SOCIOCULTURAIS OU TURÍSTICOS, PEÓNS OU AUXILIARES ADMINISTRATIVOS
Na comarca de Quiroga, Folgoso do Courel busca candidatos para 1 posto de peón e outro de animador turístico, mentres que Quiroga solicita 1 electricista, 1 albanel, 1 limpiador, 1 técnico medioambiental, 1 animador sociocultural e 1 auxiliar administrativo.
Na comarca chantadina, Carballedo está a seleccionar persoal para cubrir unha praza de informador turístico e 2 de peón de servizos múltiples, mentres que Taboada busca xente para 1 posto de peón de obras, 2 oficiais de primeira e 1 monitor de deportes.
En terras sarrianas, o Concello de O Páramo selecciona candidatos para 1 posto de animador sociocultural.
UN TOTAL DE 22 NOVOS POSTOS DE TRABALLO NOS CONCELLOS DA COMARCA DE LEMOS
Nas terras de Lemos, o Concello de Bóveda busca persoal para 2 postos de peón, e Monforte de Lemos para 2 peóns de servizos e 1 auxiliar administrativo. En Pantón, os postos son 1 peón de mantemento e 1 traballador social, e A Pobra do Brollón busca persoal para 1 posto de técnico medioambiental e 1 de peón forestal.
En total, serán 22 os novos postos de traballo que se están a xerar na comarca de Lemos.•

•IMPORTES QUE DESTINA A DEPUTACIÓN AOS CONCELLOS DO SUR POLO DEPUEMPREGO

• A Deputación asume os custos laborais e de seguridade social dos novos traballadores. As aportacións do organismo provincial por concello no sur de Lugo corresponden aos seguintes importes, con mención dos novos postos de traballo que se van crear:
BÓVEDA: 34.625,67 euros; 2 peóns. CARBALLEDO: 51.470,59 euros; 2 peóns, 1 responsable de información turística. CHANTADA: 65.909,09 euros; 3 peóns, 2 condutores, 1 palista e 1 albanel. FOLGOSO DO COUREL: 32.219,25 euros; 1 peón e 1 técnico de turismo. O INCIO: 41.844,92 euros; 8 peóns. LÁNCARA: 46.657,75 euros; 4 peóns e 1 monitor de ocio e tempo libre. MONFORTE DE LEMOS: 63.502,67 euros; 2 peóns e 1 auxiliar administrativo. PANTÓN: 51.470,59 euros; 1 peón, 1 traballadora social e 1 técnico informático. PARADELA: 44.251,35 euros; 2 peóns. O PÁRAMO: 39.438,59 euros; 2 peóns e 1 animador sociocultural. A POBRA DO BROLLÓN: 39.219,25 euros; 1 técnico de medio ambiente, 1 peón forestal e 1 peón de obra. QUIROGA: 44.251,34 euros; 1 electricista, 2 albaneis, 1 limpador, 1 técnico de medio ambiente, 1 animador socio cultural e 1 auxiliar administrativo. RIBAS DE SIL: 32.219,25 euros; peóns varios. SAMOS: 39.438,50 euros; 3 peóns. SARRIA: 65.909,09 euros; 1 informático e peóns varios. O SAVIÑAO: 61.096,26 euros; 6 peóns albaneis, 1 limpador e 1 administrativo. SOBER: 53.877,01 euros; 2 peóns servicios múltiples, 1 peón pintor, 1 técnico de turismo, 1 auxiliar de viticultura, 1 monitor deportivo e 1 técnico. TABOADA: 49.064,17 euros; 1 monitor de deportes, 1 peón de obras e 2 oficiais de primeira. TRIACASTELA: 29.819,83 euros; 3 peóns.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Premio á Biblioteca Municipal de Sober na XVII Campaña Nacional de Animación á Lectura

Seguinte Nova

Completada a construción dun muro de contención no Castro de Liñarán en Sober

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: