Julia Rodríguez sitúa a aposta polo sector primario entre as súas promesas electorais

Julia Rodríguez, en primeiro plano á dereita, acompañada da ex ministra Ana Pastor en Monforte. EC.

A candidata do PP busca “un Monforte máis produtivo”

Redacción-Monforte

O Partido Popular busca un Monforte máis produtivo. Así o afirma a candidata á alcaldía, Julia Rodríguez, quen quere centrar o seu programa electoral na captación de empresas e na conservación das xa existentes, ofrecendo facilidades “para que os nosos empresarios se instalen aquí e non teñan que facelo noutros lugares”. A posta en funcionamento do Porto Seco, unha constante case histórica nos programas electorais de todas as formacións, está presente dentro deste obxectivo, e Rodríguez afirma que “ hai que poñelo a pleno rendemento e a Xunta está actualmente a facer un esforzo no seu arranque”.

“Abrir unha porta ao sector primario”

O apoio ao sector agrario sería a outra grande aposta do PP en Monforte. Rodríguez mantivo nos pasados días varios encontros con entidades e autoridades vinculadas a este sector porque considera que “ o municipio conta cun enorme potencial infrautilizado no ámbito agrario que debe iniciar un camiño de desenvolvemento dos recursos. Trátase, no seu criterio, dun val moi fértil e cunha grande extensión de terreo que conta con infraestruturas coma o regadío. A idea é, para Rodríguez, sentar as bases co fin de que se desenvolvan outras actividades económicas vinculadas ao mesmo, que a agricultura se poida converter nunha actividade tamén empresarial, por exemplo dende o eido da transformación.

Críticas á xestión do goberno municipal

A candidata criticou do último mandato que non se tería actuado no principal problema, o do emprego, porque non se atraeron empresas. Por outra banda, fai referencia a que se acometeu unha política “bastante populista” e que as actuacións de remodelación de rúas non foran acompañadas da creación de novos aparcadoiros. A área de servizos sociais, especialmente no que respecta aos maiores, sería a terceira clave dos populares monfortinos, segundo manifestou durante a campaña a súa alcaldable. Julia Rodríguez sinala ao tempo a preocupación da súa candidatura polas expectativas de futuro dos mozos, e neste punto manifesta a necesidade de “ ser ambiciosos dende o goberno local para invertir a tendencia de paralización que sofre este municipio”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Xunta porá en marcha un programa de medidas para aumentar o prestixio social do galego

Seguinte Nova

Adquiridos os primeiros 50.000 metros para a instalación da planta de Pacadar en Monforte

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: