Crónica del sur de Lugo

A FESTA DOS AVÓS: Un evento de reencontro veciñal e homenaxe á base demográfica do rural

Os maiores de Pantón gozaron o mes pasado dun concurso de xogos populares organizados no Centro de Día.CDP

Nos concellos do rural galego, proliferan dende hai arredor dunha década ás denominadas “festas dos avós”, eventos cos que contan todos os concellos da zona sur e que a finais de maio concentrarán a máis de mil persoas, fundamentalmente maiores de 65 anos, na localidade de Sarria. Non está de máis botar unha ollada a este tipo de festas, que a pesares de contar ás veces cunha certa fama de eventos electoralistas, non deixan de supoñer unha modesta homenaxe aos nosos maiores, base social dos despoboados municipios do interior.

UNHA FESTA CON ALTO RENDEMENTO

Sarria prepara xa a súa festa dos maiores, que terá lugar o vindeiro 29 de maio no patio do colexio Fray Luis de Granada. Misa cantada, animación de música popular, xantar, baile e sorteo de agasallos é o esquema case universal destes encontros, que non supoñen un grande dispendio económico para as arcas municipais, e que sen embargo cumplen para os maiores a mesma ou aínda unha maior funcionalidade que o que poden ser unhas custosas festas patronais dirixidas fundamentalmente a outros sectores sociais. Trátase de festas feitas á medida dunha poboación que adoita desfrutar da sinxeleza dun día de reunión no que os reencontros con antigos amigos e veciños se converten nun acontecemento que a miúdo só é brindado nunha ocasión coma esta, debido á alta dispersión da poboación no rural galego. No caso de Sarria, o conxunto dos sectores sociais aportan os seus posibles para facer máis económico o evento realizando algunhas doazóns de agasallos por parte do sector comercial e industrial. Por outra parte, tal e como comenta Violeta Bernardo, concelleira de Asuntos Sociais, tamén a festa contribúe a dinamizar a economía do municipio, onde por exemplo panadeiros e hostaleiros se ven beneficiados a través do banquete, e onde se conta coa colaboración de colectivos como a Cruz Roja. Bernardo afirma que “para min a festa dos avós foi todo un descubrimento”, porque semellando un evento sen importancia, o xeito de vivilo por parte dos seus protagonistas deixa máis que xustificada a súa organización, “sácanlle o máximo partido”, apunta a edil, que cualifica a festa como a máis participativa. A miúdo os maiores, para quen a festa é gratuíta, asisten acompañados de familiares máis novos que deben aboar unha cantidade.

INNOVACIÓN NA FESTA DOS AVÓS

Xantar e baile comezan a acompañarse, tal e como aconteceu na recente celebración da festa dos maiores de Pantón, de novas actividades que serven para activar o físico e a mente. O persoal do Centro de Día de Pantón, organizou para o evento celebrado nos pasados días en Ferreira, unha serie de xogos populares que converteron o evento nunha festa activa cunha ollada ao pasado e á infancia destes avós que tamén foron nenos para gozar coma novamente do xogo da rá, a chave ou os aros. As festas dos avós están feitas quizais a medida dun sector con menor capacidade de manobra por idade e circunstancia, pero que contribúe a manter a economía das vilas polo seu peso, e supón moitas veces un apoio substancial para as familias, non só no aspecto económico grazas ás pensións, senón social e laboral grazas ao tempo libre e á experiencia aportada, incluso na educación dos netos. Por outra banda, trátase dun colectivo moi apegado á terra, grazas ao que se manteñen vivas moitas das manifestacións culturais e útiles costumes e os propios núcleos do interior galego.

OFERTA DE OCIO PARA OS AVÓS AO LONGO DO ANO

Pero as atencións aos maiores non deben quedarse tan só nun día ao ano, e a demanda de actividade conta con grandes ocos por cubrir. Pese a isto, as excursións e a participación na oferta de ocio que cada ano parte das administracións e do propio tecido asociativo conforman outro dos ámbitos de participación social dos avós. No exmplo de Sarria, as actividades impartidas para todas as idades contan coa presenza dun importante número de xubilados, que atopan na música, a ximnasia ou incluso a informática un punto de encontro interxeracional. A responsable de Asuntos Sociais en Sarria indica que o colectivo debe integrarse na sociedade, e non se debe caer no erro de fomentar demasiadas actividades singularizadas nos maiores. O Concello de Sarria estima que na xuntanza que terá lugar a finais de maio participarán unhas 1.500 persoas chegadas dende diversos puntos do municipio.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio