Entra en funcionamento o parque de bombeiros da comarca de Chantada

O parque, situado nos Acibros, conta con 4 vehículos de emerxencias. EC.

O pasado 1 de maio entraba en funcionamento o parque de bombeiros da comarca de Chantada. Facíao ao tempo que os de Sarria, Barreiros, Vilalba e Viveiro. Ás nove da mañá os xefes de servizo das instalacións chamaban ó teléfono de emerxencia 112 para comunicar oficialmente que, dende entón entraban en servizo. Estes parques funcionarán durante as 24 horas dos 365 días ó ano. Isto supón, segundo os datos facilitados pola Deputación, que o 90% dos veciños da provincia de Lugo contarán con servizo contraincendios como xa o facían as restantes provincias galegas. A Xunta de Galicia e a Deputación financian a medias o denominado Consorcio Provincial de Parques de Bombeiros, dando cumprimento a un servizo básico para a cidadanía, e tal e como recoñeceron dende ambas institucións saldando outra das débedas históricas cos veciños, que carecían dunha protección anti incendios.

O Consorcio

A creación do Consorcio Provincial de Bombeiros tiña lugar en 2008. Deputación e Xunta de Galicia asinaron un convenio que establecía que a Xunta construiría os parques mentres que o organismo provincial se encargaría da adquisición do seu equipamento. Foron tres anos de negociacións e xestións para ver feita realidade esta cuestión. Os cinco parques foron equipados progresivamente e contarán con máis dun cento de traballadores en total, sen contar aos de Monforte, que agardan rematar o proceso de incorporación dende o que era un parque municipal.

Emerxencias

Estes profesionais atenderán as alertas do 112 por incendios, inundacións, accidentes de tráfico, rescates, salvamento e actividades de prevención, entre outras tarefas. Infraestrutura En Chantada, como en cada unha das instalacións contan con 4 vehículos: mando todo terreo, mixto de rescate e extinción, urbano lixeiro e bomba nodriza. O interior do parque, situado no polígono dos Acibros, ten, segundo afirmaron dende Xunta e Deputación, o equipamento necesario tal e como material informático, mobiliario de oficinas, ferramentas ou traxes de protección.

Ámbito de cobertura

Na zona sur de Lugo, os parque de Chantada, Sarria e Monforte de Lemos prestarán servizo a 25 municipios: Antas e Ulla, Baralla, Becerreá, Bóveda, Corgo, Carballedo, Chantada, Guntín, Láncara, Monforte, Monterroso, O Incio, O Páramo, O Saviñao, Pantón, Paradela, Pobra de Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas do Sil, Samos, Sarria, Samos, Sarria, Sober, Taboada e Triacastela. O ámbito territorial adscrito a cada un destes parques terá independencia da súa actuación profesional se fose necesario fóra dos límites do mesmo: a nivel comarcal, provincial ou incluso autonómico.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Lois Pereiro, unha obra inseparable do destino vital

Seguinte Nova

8 Vivendas rehabilitadas para mozos en Chantada

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: