A Deputación retoma en outubro o programa Movémonos, para promover a prática deportiva saudable e a dinamización social no rural

• No mes de outubro voltarán ao rural lucense as actividades do programa Movémonos, unha iniciativa posta en marcha pola Deputación de Lugo para promover o deporte saudable e a dinamización social no rural. O calendario de actividades recupera o seu ritmo logo do parón estival durante os meses de xullo, agosto e setembro.
VIDA MÁIS SAUDABLE, ACTIVA E PARTICIPATIVA
O obxectivo do programa Movémonos é vencer os obstáculos que dificultan a realización do deporte nas zonas do rural, promovendo a actividade física moderada en colectivos de diversa índole que estean afincados en municipios con limitacións para o acceso á prática deportiva.
Ademais da saúde e o benestar físicos, o programa Movémonos busca fomentar a interrelación persoal e social dos habitantes do rural, promovendo o encontro, a participación, e a sociabilidade entre os veciños e veciñas.
IMPORTANCIA DA INTERACCIÓN EN GRUPO
O método do programa Movémonos baséase nas aprendizaxes compartidas, partindo do que cada un coñece e sobre o eixo da acción conxunta. Neste sentido, o grupo humano resulta fundamental para facer efectiva a experiencia da aprendizaxe.
No sur de Lugo, centos de persoas vinculadas a asociacións como as monfortinas Afamon, Agora e Auxilia, así como A Lagoa de Bóveda ou As Fachas de Taboada, van tomar parte nas actividades do programa Movémonos.
ACTIVIDADES DESEÑADAS PARA TODO TIPO DE USUARIOS E NECESIDADES
O programa deportivo saudable e social Móvemonos ofrece diversas actividades, pensadas para as necesidades concretas dos colectivos. Así, a opción de multideporte permite iniciarse en diferentes disciplinas deportivas e poder escoller a que máis se axeite ás características dos usuarios.
Pola súa banda, a ximnasia de mantemento, guiada por monitores, busca a conservación e mellora da condición física, traballando a tonificación e a coordinación xeral.
A actividade de acondicionamento físico e aeróbico permite estimular a actividade cardiovascular e respiratoria para conseguir, entre outros beneficios, incrementar o ritmo metabólico, eliminar graxa de reserva ou reducir a tensión.
Así mesmo, o pilates unifica os conceptos da actividade física occidental e oriental, a través de exercicios dinámicos, control do movemento, fluidez e respiración.
O programa Movémonos tamén inclúe actividades para persoas con capacidades diferentes, ben realizando modificacións que adapten a prática ás características das persoas, ou ben recurrindo a deportes que respondan a estas características sen necesidade de facer adaptacións.
Por último, no programa Movémonos ofrécese ximnasia rítmica, na que se combinan elementos do ballet, ximnasia e danza, e o uso de diversos aparellos no desenvolvemento dos exercicios.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

24 emprendedores participan nas actividades do Espazo Coworking de Monforte

Seguinte Nova

O Alimentatic formará nas comarcas de Lugo para mellorar a alimentación coas novas tecnoloxías

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: