Máis de 112.000 euros do POS para arranxar 6 rúas en Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé, e o concelleiro de Obras, José Luis Losada, na presentación das obras do POS. EC
O alcalde de Monforte, José Tomé, e o concelleiro de Obras, José Luis Losada, na presentación das obras do POS. EC

• O Plan de Obras e Servizos (POS) financiará con 112.119,65 euros obras de mellora na pavimentación de 6 rúas de Monforte. O alcalde, José Tomé, explicou que a Deputación aporta 74.342,80 euros do total, e os restantes 37.776,85 euros son achega do propio Concello. As obras consistirán no arranxo do firme con aglomerado en quente e mellora da sinalización horizontal.

O MAIOR INVESTIMENTO MUNICIPAL EN ARRANXO DE RÚAS FEITO NUN MESMO ANO EN MONFORTE
Dentro do Plan, destinaranse 20.391,69 euros a arranxar a rúa Real dende Roberto Baamonde ata o inicio da rúa Falagueira, e outros 8.475,30 eros á rúa de Santo Domingo dende o Campo da Virxe ata a Porta da Alcazaba. Tomé suliñou que estas dúas actuacións son «importantes para mellorar a imaxe e o aspecto desta zona de acceso ao conxunto monumental de San Vicente». Tamén se vai arranxar a vía que rodea o Campo de San Antonio, con moito tránsito diario ao estar nas inmediacións do Concello, e na que se realizará un fresado para rebaixar o firme respecto das beirarrúas. O orzamento para estes traballos será de algo máis de 15.000 euros. Outra actuación está prevista no Camiño Real de Seoane, dende o colexio Infanta Elena ata a pista do Canal. «Este é un compromiso meu como alcalde cos veciños das Lamas, para que tiveran arranxada esta vía antes do inverno», precisou Tomé. A obra das Lamas é a máis costosa do Plan, con 40.983,31 euros de orzamento.
No espazo do CEIP A Gándara vaise asfaltar unha superficie de preto de 700 metros, diante do pavillón deportivo, para evitar caídas e danos polo mal estado do firme. O Plan destina 5.654,13 euros a este traballo. Por último, está previsto o arranxo do firme na rúa Santa Clara entre o cruce da Veiga ata o Multiusos, por un importe de preto de 22.000 euros.
«Sumando as obras anunciadas pola Deputación, máis estas seis do Plan de Obras e Servizos, e outras que está a proxectar o Concello con fondos propios, o resultado será de preto de 16 rúas melloradas nun só ano», explicou Tomé, o que suporá «a cantidade máis grande que se ten feito neste Concello nun mesmo ano».

ARRANXO NO SANEAMENTO
Días antes deste anuncio, o alcalde comunicaba outra mellora «significativa» nos servizos, en concreto referida á rede de saneamento. Durante unha reparación na fonte de debaixo da Ponte Fontecha, detectouse que a auga que vén do regato das Malloadas estaba a filtrarse ao tubo do saneamento, provocando que a depuradora estivera a recibir unha importante cantidade de auga limpa, «que non debería recoller e que dificulta a súa función». Tomé lembrou que a saturación da depuradora e os verquidos ao río son un problema «antigo», que se está a tratar de resolver coa colocación dun codo e o sellado desta unión.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Chantada acolle ata fin de mes unha exposición antolóxica de escultura de Eduardo R. Osorio

Seguinte Nova

O conselleiro de Industria gabou en Monforte a aposta de Industrias Losal pola innovación

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: