Actividades para todos no Programa Verán 2016 que organiza o Concello de Quiroga

•Entre xullo e setembro haberá propostas en torno ao deporte, a natureza e a cultura •En agosto, Quiroga celebrará as Festas do Verán, cunha nova edición da Mostra do Mel

As actividades lúdicas, o deporte e a cultura estarán presentes no Programa Verán 2016 do Concello de Quiroga, que integra as Festas do Verán coa Mostra do Mel no mes de agosto.  Arquivo EC.
As actividades lúdicas, o deporte e a cultura estarán presentes no Programa Verán 2016 do Concello de Quiroga, que integra as Festas do Verán coa Mostra do Mel no mes de agosto.
Arquivo EC.

• En Quiroga está todo listo para iniciar o Programa Verán 2016, que neste mes de xuño inclúe o remate das actividades que se veñen realizando ao longo do curso, tanto para adultos como para menores.

DEPORTE, CREATIVIDADE E TEATRO, ALGUNHAS DAS PROPOSTAS PARA XULLO EN QUIROGA
O mes de xullo abrirase cos Campamentos de Verán, que se desenvolverán en xullo e agosto de luns a venres. Para a mocidade, está deseñado o Plan de Ocio Xuvenil, que terá lugar os venres e sábados. Tamén haberá tempo para a formación, coas clases de preparación de Competencias Clave e Graduado en E.S.O. para adultos, que organiza a Área de Servizos Sociais do Concello de Quiroga.
O deporte virá da mán da II Liga de Fútbol Sala de Verán Concello de Quiroga, organizada pola Área de Deportes, e para os máis novos, está deseñado o Campus de Fútbol Concello de Quiroga, que se desenvolverá na semana do 11 ao 16 de xullo. O mes rematará tamén cun evento deportivo. Será o Night Trail Quiroga, o día 30 de xullo.
A creatividade estará presente nos concurso de Fotografía e de Debuxo, que culminarán cunha exposición de fotografía o día 19. Pola súa banda, o teatro terá a súa cita o sábado 2 de xullo, coa representación da adaptación da obra de Manuel María “Sonetos ao Val de Quiroga”, a cargo do alumnado de Teatro de Quiroga. Pola súa banda, o 25 de xullo celebrarase o Día de Galicia no Concello de Quiroga, cunha serie de actos conmemorativos.
A natureza centrará tamén diversas actividades o vindeiro mes en Quiroga. O día 3 de xullo, o CIM de Quiroga organiza unha excursión en catamarán pola Ribeira Sacra. Pola súa banda, a natureza e a etnografía serán as protagonistas do Campamento de Xeoloxía, que organiza a partir do día 15 a Área de Xuventude e a Xunta de Galicia.

VIAXE A AQUAPARK, MÚSICA, FESTAS DO VERÁN E MOSTRA DO MEL EN AGOSTO
En agosto terán continuidade os Campamentos de Verán para os máis cativos, de luns a venres, en horario de mañá. Para nenos e mocidade, a Área de Educación, Infancia e Xuventude de Quiroga organiza unha viaxe ao Aquapark de Cerceda, en data por determinar.
Pola súa banda, os maiores terán a oportunidade de seguir o curso de estimulación cognitiva no Centro Social de Quiroga, os luns, mércores e venres de agosto, organizado pola Área de Benestar e Afamón.
O día 1 iníciase o Campo de Traballo Castelo de Novaes, dentro do programa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta.
Do 5 ao 7 de agosto terán lugar as Festas de Verán de Quiroga. O día 5 estará cheo de actos, coa celebración da XI Festa da Comunidade no Parque da Constitución, o III Torneo Street Soccer neste mesmo espazo, ademais do concerto da Banda de Folk de Ribas de Sil, organizado pola Área de Cultura de Quiroga e coa colaboración do programa Musiqueando da Deputación de Lugo. A Festa da Xuventude servirá para pechar esta xornada festiva.
O día 6 de agosto desenvolverase a Tarde de Maxia na Praza de España, a cargo de Apren-Deimi, organizado polo Concello de Quiroga e o AGADIC da Xunta de Galicia. Xa o día 7 terá lugar a actividade Pinta con Xiz, e o espectáculo de rúa
“A invasión pirata”, a cargo de Troula Animación, organizada polo Concello de Quiroga e a colaboración de AGADIC. O domingo 10 de agosto celebrarase a XXIV Mostra do Mel de Quiroga.
O deporte voltará, esta vez da man do baloncesto, co IX Basket Training Camp, do 15 ao 21 de agosto. O día 27 será o turno da cultura, co XVII Encontro de Poetas no Val de Quiroga.
A partir do 28 de agosto, e ata o 12 de setembro, poderá verse a exposición colectiva de pintura “Catro médicos polo Sil”, organizada pola Área de Cultura.

AXENDA DE SETEMBRO
Xa en setembro, recupéranse as clases de preparación en Competencias Clave e Graduado en E.S.O. para adultos, e os cursos de estimulación cognitiva para maiores no Centro Social. Ademais, terá lugar o Día da Bicicleta, arrincarán os adestramentos da tempada da liga regular en fútbol sala feminino, fútbol xuvenil senior. Por último, o sábado 17 de setembro terá lugar un Obradoiro Minichef no Albergue municipal.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

APERTURA DA TEMPADA ESTIVAL NAS PISCINAS MUNICIPAIS NO CASTRO DE FERREIRA

Seguinte Nova

Sober aprobou un orzamento municipal de 2.350.000 euros, 400.000 máis que o ano pasado

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: