Monforte será punto de partida da 6ª etapa de La Vuelta 2016

Rolda de prensa en Monforte para presentar a saída da sexta etapa de La Vuelta 2016 dende a cidade do Cabe. GPCM.
Rolda de prensa en Monforte para presentar a saída da sexta etapa de La Vuelta 2016 dende a cidade do Cabe. GPCM.

• La Vuelta Ciclista a España inclúe á Ribeira Sacra no trazado desta edición, e na que Monforte será protagonista da sexta etapa. O 25 de agosto darase a saída do pelotón ciclista dende a Praza da Compañía, en torno á unha e media do mediodía, para volver cruzar a cidade do Cabe un par de horas despois. Os detalles da proba deportiva, así como a repercusión económica e mediática que vai ter para a zona, foron explicados na presentación celebrada no Concello de Monforte o pasado 21 de xuño, nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde de Monforte, José Tomé; o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos; a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias; e o director xeral de La Vuelta, Javier Guillén.

MONFORTE, NA RETRANSMISIÓN DA ETAPA DA VOLTA
O responsable da organización deportiva destacou o feito de que o pelotón cruce Monforte ás tres e media da tarde. “A esa hora, a televisión xa estará retransmitindo este evento deportivo, posto que este ano haberá unha hora máis de cobertura, e así os espectadores poderán ver Monforte nas súas pantallas”.
Este feito foi destacado tamén polo alcalde, José Tomé, que amosou a súa satisfacción de que “La Vuelta vai supoñer un escaparate para dar a coñecer Monforte noutros territorios do Estado e incluso noutros continentes”. Tomé lembrou que “o seguemento deste acto deportivo superará nalgún momento os mil millóns de persoas”.

RETORNO ECONÓMICO “MOI POSITIVO” PARA A PROVINCIA
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, destacou que o apoio económico do organismo provincial para a celebración da proba “non é un gasto, xa que vai ter un retorno moi positivo para a provincia, e a Deputación quere poñer en valor todo o noso territorio”. Campos Conde destacou que “praticamente, os ciclistas van percorrer toda a provincia de Lugo de norte a sur”, polo que “non hai mellor publicidade”, xa que haberá unha intensa cobertura informativa, con máis de 1.400 xornalistas acreditados. Ademais, estímase que serán preto de 3.000 persoas as que estean aloxadas na provincia de Lugo durante o paso do pelotón. A Ribeira Sacra foi, según Guillén, “a asignatura pendente de La Vuelta cada vez que viñemos a Lugo”, polo que este ano, ademais de Monforte, os ciclistas correrán por terras de Bóveda, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil e Sober.
Pola súa banda, a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, suliñou a repercusión económica deste evento, que na última edición que estivo na nosa Comunidade, en 2014, deixou uns 4 millóns de euros en Galicia.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Concello de Monforte recupera a fonte da explanada da Compañía logo de 8 anos sen funcionar

Seguinte Nova

PANTÓN ACOLLERÁ NO VERÁN UN CAMPAMENTO DE TRABALLO PARA A XUVENTUDE

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: