O portal web da campaña «Para estudar, Lugo» recibe nunha semana máis de 5.000 visitas de España e do estranxeiro

•A aportación de 120.000 euros da Deputación de Lugo permite ofrecer descontos do 50% na matrícula para primeiros estudantes en 10 titulacións do Campus de Lugo da Universidade de Santiago

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, e o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, na presentación da terceira edición do programa "Para estudar, Lugo", o pasado 8 de xuño. GPDL.
O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, e o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, na presentación da terceira edición do programa «Para estudar, Lugo», o pasado 8 de xuño. GPDL.

• Por terceiro ano consecutivo, a campaña de promoción «Para estudar, Lugo» que desenvolven a Deputación e a Universidade de Santiago de Compostela está a colleitar un importante éxito de acollida. O portal www.paraestudarlugo.com, que centra as accións divulgativas desta iniciativa, recibiu nunha semana un total de 5.000 visitas de toda España e do estranxeiro.

400 ESTUDANTES BENEFICIARANSE DUN DESCONTO DO 50%
A campaña «Para estudar, Lugo», ten como obxectivo promocionar a capital provincial como cidade universitaria, e facilitar a incorporación de novos estudantes a través dun programa de 400 becas en 10 titulacións, financiadas pola Deputación de Lugo cunha partida de 120.000 euros.
Según explicou a voceira provincial socialista, Pilar García Porto, esta partida permite que se beneficien dunha redución do 50% na primeira matrícula un total de 400 estudantes. «Por certo, o mesmo número de becas que a Xunta de Galicia rexeitou conceder a outros tantos estudantes galegos, limitándose a dar unhas 190 en toda a Comunidade», criticou García Porto, que puntualizou que «o Goberno galego do PP rexeitou case o 70% das becas solicitadas, este é o compromiso de Feijóo coa educación pública, que dista moito do desta Deputación”.

INTERESE DA CAMPAÑA NO ESTRANXEIRO E NO RESTO DE ESPAÑA
García Porto explicou que a divulgación da campaña «Para estudar, Lugo», está chegando máis alá das nosas fronteiras, xa que das 5.000 visitas rexistradas na primeira semana, máis do 10% proveñen de países como Rusia, Estados Unidos, Alemaña ou Portugal. A voceira socialista precisou que o 90% restante de visitas son de España, das que máis do 14% son de Madrid, e outro 10% de cidades como Barcelona, Valladolid, Xixón, León, Santiago de Compostela ou A Coruña.

A CAMPAÑA NAS REDES
En canto á divulgación nas redes sociais, a campaña desenvólvese sobre todo a través dos perfís oficiais do Campus Terra e da Deputación de Lugo. No Facebook da institución provincial, houbo máis de 30.000 seguidores, e os contidos da campaña foron compartidos por máis dun cento de usuarios. Estes movementos hainos que sumar ás repercusións simultáneas nas páxinas asociadas á Universidade de Santiago de Compostela. Pola súa banda, en Twitter estase a realizar a campaña a través do hashtag #paraestudarlugo, así como con diferentes accións e imaxes. Na primeira semana da campaña, publicáronse arredor de 120 chíos con dito hashtag ou relacionados co programa de bolsas.•

•Esta iniciativa da Deputación e da Universidade permitiu aumentar nun 10% a matrícula no total do Campus lugués nos últimos dous anos

•»Para estudar, Lugo»: 400 becas da Deputación para custear a metade da 1ª matrícula

•A través da campaña “Para estudar, Lugo”, a Deputación ofrece descontos do 50% no custe da matrícula a primeiros estudantes de 10 titulacións. Esta bonificación, a través de 400 becas financiadas pola Deputación de Lugo con 120.000 euros, aplicarase aos Graos en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais; Enxeñaría Civil; Enxeñaría en Xeomática e Topografía; Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria; Enxeñaría Forestal e do Medio Natural; Lingua e Literatura Españolas; Ciencias da Cultura e Difusión Cultural; Relacións Laborais e Recursos Humanos; Xestión de Pequenas e Medianas Empresas; Administración e Dirección de Empresas.

COMO SOLICITALA
A preinscrición realizarase en www.usc.es/matricula ata o 1 de xullo inclusive. Unha vez feita, queda solicitada a praza no Campus de Lugo e a correspondente beca da Deputación.
O 12 de xullo publicaranse as listaxes de admitidos, e haberá que formalizar a matrícula do 13 ao 15 de xullo, momento no que se aplicará, directamente, o desconto do 50% no prezo da matrícula.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Quiroga acollerá en agosto o IX Basket Training Camp, organizado polo CB Ciudad de Ponferrada

Seguinte Nova

Sarria celebra o San Xoán

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: