O teatro, un espazo universal para a integración

•O Grupo de Teatro da Casa da Xuventude de Chantada segue a xerar un punto de encontro coa integración social e a realización individual, a través da diversión e da creatividade

Os integrantes do Grupo de Teatro da Casa da Xuventude de Chantada durante os últimos ensaios da obra “A historia do galo Quirico”, que porán en escea o vindeiro 21 de xuño ás 18,00 horas, baixo a dirección de Paqui Abeledo.  (Foto cedida).
Os integrantes do Grupo de Teatro da Casa da Xuventude de Chantada durante os últimos ensaios da obra “A historia do galo Quirico”, que porán en escea o vindeiro 21 de xuño ás 18,00 horas, baixo a dirección de Paqui Abeledo. (Foto cedida).

• O vindeiro 21 de xuño, a partir das 18,00 horas, terá lugar en Chantada a representación da obra “A historia do galo Quirico”, a cargo do Grupo de Teatro da Casa da Xuventude. Sobre as táboas, poderemos ver algo máis que unha historia dramatizada e interpretada por oito rapaces e rapazas de 8 a 30 anos. Os eixos temáticos e organizativos do traballo que realiza o Grupo de Teatro da Casa da Xuventude chantadina van máis aló do que se ve no escenario, e apunta a algo máis sustancial e fondamente enriquecedor: os valores de respecto, integración social e realización persoal. Unha mensaxe contada non só o día da estrea, senón tamén por capítulos, ao longo das sesións de ensaio que realizan durante todo o curso.

OS VALORES SOCIAIS E COLABORATIVOS, PROTAGONISTAS
Según explica Paqui Abeledo, directora da obra e responsable do Grupo de Teatro da Casa da Xuventude de Chantada, a idea fundacional deste grupo, xa hai máis de 15 anos, foi conseguir un espazo para actividades interculturais e intersociais, na que participaran todos os rapaces e rapazas que quixeran, entre 8 e 30 anos, que é a franxa xeracional que cubren as actividades da Casa da Xuventude. “Durante moitos anos se fixo así, logo foron diversificándose, e agora mesmo o grupo está formado por xente que participa noutras actividades da Casa”.
Este mesmo espíritu integrador nótase nos contidos das obras que representan. “Elixímolos en función do grupo que teñamos, e sempre con temas sociais, como o respecto, a natureza ou hábitos saudables, por exemplo”, explica Abeledo. Estes valores serán os protagonistas principais na fábula que representarán o día 21 de xuño.

TODOS PARA UN, E UN PARA TODOS
Pero os valores sociais e colaborativos non se quedan só nun discurso para o público. Son a marca que distingue o traballo diario do Grupo de Teatro da Casa da Xuventude de Chantada. “A idea principal é fomentar a participación, o traballo en grupo, e a aprendizaxe, para poder conseguir un resultado final entre todos e ofrecerllo aos demais”, comenta con entusiasmo Paqui Abeledo. “Eu sempre llo digo aos grupos que levo: o teatro afeccionado é un acto de amor, un traballo impresionante que despois regalas”, precisa Abeledo.
Este xeneroso agasallo comeza a prepararse con varios meses de antelación. Nos ensaios, o Grupo de Teatro da Casa da Xuventude de Chantada traballa a expresión vocal e corporal, “sempre dun xeito lúdico, a través dun xogo dramático que sirve para chegar a todos os membros, lograr que se desinhiban, e cohesionar o grupo”, explica Abeledo. Ademais, os actores e actrices preparan os textos, aínda que coa esixencia de improvisar. “Isto é moi bo, porque axuda a que eles incorporen a súa propia personalidade á personaxe e á historia, e así sempre sae algo novo”, suliña Paqui Abeledo. O traballo individual abrangue tamén o deseño do vestuario, que se vai preparando ao longo do ano nos talleres de artesanía e manualidades que se imparten na Casa da Xuventude.

O TEATRO, UNHA ACTIVIDADE MOI SAUDABLE
Todo este proceso non só dá lugar a unha obra teatral a fin de curso. Os actores e actrices saen ao escenario convertidos en persoas máis fortes, con máis autoestima e máis recursos para a interacción social. “Todo o esforzo individual ten unha ganancia para o grupo, o día da estrea, pero tamén para cada un dos membros”, explica Abeledo. O exercicio da memoria, a concentración, o traballo de fortalecemento da seguridade persoal para saír diante do público, as posibilidades que dá a creatividade e o poder de improvisación… custa conseguilos pero dá resultados e, sobre todo, moita satisfacción persoal. “O máis difícil ao primeiro é conseguir que se desinhiban, que saian diante do público, pero unha vez que rompen o xeo, sempre comentan que é o mellor”, suliña Abeledo, satisfeita por comprobar, ano tras ano, os beneficios que o teatro produce na xente. “En todos os grupos dinme que facer teatro lles deu desenvoltura de cara a terceiros na súa vida cotiá”. O teatro vivido como unha escola de convivencia e riqueza compartida, un agasallo ao que todos e todas estamos convidados.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Deporte e viticultura déronse a man en Chantada

Seguinte Nova

Actos da XXIX Rota do Románico de Pantón

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: