A sorte non acompañou aos monfortinos no Open de España celebrado en Murcia, onde rozaron o podio cunha notable actuación nesta proba de alto nivel
•O club Neka de Monforte sumou sete medallas no Campionato Galego de Taekwondo, celebrado en Cangas o día 24. Foron campións en categoría feminina, e subcampións na modalidade de clubes, sendo a formación que logrou máis medallas na proba autonómica, na que participaron máis de 300 deportistas de 30 clubes.
MEDALLISTAS NO CAMPIONATO GALEGO
«Este resultado é unha pasada», comentou o adestrador do Neka, José Mª Vega, que gabou o traballo dos seus deportistas nas diferentes categorías. Vega amosou a súa satisfacción por contar con outro membro do seu clube na selección galega. Co ouro acadado en Cangas, Laura Álvarez entrou no combinado autonómico, co que serían 7 os deportistas do Neka na élite de Galicia.
En canto a medallas, ademais do ouro de Laura, hai que sumar as pratas conseguidas por Aitor Teijeiro e Lucía Roca, e os catro bronces acadados por Carlos Rey, Carla Pardo, Marco García e Carlos Fernández. Xunto a estes resultados, o adestrador do Neka felicitou á totalidade dos 17 deportistas que participaron no Campionato Galego, xa que moitos deles conseguiron entrar nas correspondentes finais. «Estar no Campionato Galego xa é un logro, porque moitos quedan polo camiño», suliñou Vega.
Distinta foi a sorte dos participantes do Neka no Open de España, celebrado en Murcia os días 15 e 16 deste mes. Unha lesión de Álex Camba impediu a participación do exitoso trío que forma xunto a Carlos Rey e José Roca. Aínda así, os de Neka competiron notablemente nunha proba «de altísimo nivel, tipo campionato de Europa e mundial», precisou Vega. En técnica, Carlos Rey quedou sexto pero puntúa para o ranking da selección española. En combate, Junior Martínez quedou quinto, ás portas do podio, fronte ao actual campión nacional.•