Acordes solidarios máis aló do Nadal

•A Banda Folk de Ribas de Sil, integrada por unha decena de rapaces e rapazas, está a realizar concertos solidarios por Lugo e Ourense durante todo o ano

A Banda Folk de Ribas de Sil saúda ao público logo do Concerto Solidario que ofreceu na Residencia de Maiores de Monforte.  (Foto cedida).
A Banda Folk de Ribas de Sil saúda ao público logo do Concerto Solidario que ofreceu na Residencia de Maiores de Monforte. (Foto cedida).

•A música é a linguaxe universal, de aí que non teña fronteiras de idade, idioma ou país. Máis aínda: está comprobado que o seu feitizo derruba calquer obstáculo, une á xente e axuda a vivir mellor. Con estas premisas están a funcionar os once membros da Banda Folk de Ribas de Sil, que reúnen xuventude, ilusión e solidariedade aló onde van tocar nos seus Concertos Solidarios. Unha fórmula que soa moi ben.

«MINIRREVOLUCIÓN CULTURAL»: AS ORIXES DE TODO

Como toda boa historia, todo arrincou anos atrás. O director da Banda Folk, Roberto Castro, recorda os tempos nos que se fixo cargo da área de Cultura no Concello de Ribas de Sil. «Aló por 1998, había unha carencia grande de actividades culturais, así que empezamos o que se pode chamar una ‘minirrevolución cultural’, apostando por un dos eixos que resultou clave, as clases de música». Comezaron como puideron, con escasos recursos e moita ilusión. Castro puxo en valor a súa condición de músico e pouco a pouco botou a andar a Escola de Música Municipal de Ribas de Sil, que foi contratando profesores e pariu dúas bandas: a de gaitas e a banda folk. «Con este grupo empezamos a actuar en moitos sitios». Pero aqueles animosos rapaces e rapazas medraron e marcharon fóra a estudiar e facer a súa vida, e en 2008 a banda desapareceu, aínda que a música seguiu soando á beira do Sil.

No seu primeiro ano, a nova Banda Folk de Ribas de Sil ofreceu dezaseis Concertos Solidarios para colaborar con asociacións, particulares e institucións diversas. (Foto cedida).
No seu primeiro ano, a nova Banda Folk de Ribas de Sil ofreceu dezaseis Concertos Solidarios para colaborar con asociacións, particulares e institucións diversas. (Foto cedida).

O RENACER DA BANDA FOLK DE RIBAS DE SIL

Novos cativos seguían chegando ás clases de música, cumplidores e entusiastas. A idade non era un problema: cativiños de 7 e 8 anos plantábanse a tocar co aplomo dun profesional. Castro detectou que había canteira en cantidade suficiente, e apañou un grupiño que incluía varias idades, ata 14 ou 15 anos, pero cun idéntico espíritu. Renacía así a Banda Folk de Ribas de Sil, disposta a dar a nota (musical) alí onde os chamaran. O director vai correndo a voz e a xente é receptiva. As primeiras asociacións e concellos que os chaman para tocar quedan moi satisfeitos. Chega o Nadal de 2014, e hai que pensar a axenda de actividades para o Concello. «A traballadora social propúxonos facer un concerto solidario para recoller alimentos, unha idea moi propia destas datas, e pareceunos ben», explica Roberto Castro, que mobilizou aos xoves músicos dende o seu descanso vacacional. «Non tiña moi claro como ía saír todo, pero sorprendeume o ben que o tomaron os rapaces, ensaiando a tope e contrarreloxio», confesa. O 3 de xaneiro de 2015 debutaron no seu primeiro Concerto Solidario, cun cheo total no Auditorio de San Clodio e nada menos que unha tonelada de alimentos recollidos. «Foi incríble, non só pola acollida, senón polo ben que estiveron os rapaces», recorda Castro.

ESCOLA DE MÚSICOS QUE FORMA PERSOAS

Este bautismo de masas convenceu ao director de que había recorrido. «Pensei: valen para tocar fóra, e empezamos», asegura. Castro falou cos pais e nais dos músicos, para comentarlles a idea de exportar este modelo de concertos solidarios máis aló do Nadal. Era difícil dicir que non: ademais de axudar á xente necesitada, os rapaces dábanse conta de que o que facían era útil para os demais, e ofrecían un momento de lecer ao público que quería colaborar coa campaña. Concienciación social, solidariedade e educación para estes xoves músicos, que ademais de partituras aprenden a ser persoas. «Os pais volcáronse coa idea, axudaron en todo momento, foron imprescindibles», agradece Roberto Castro, que recoñece o mérito dos pais e nais «que non só veñen aos concertos, senón que tamén están aos ensaios». Tan motivados estaban que non lles importaba correr cos gastos dos desprazamentos dos seus fillos, alá onde tiveran que tocar. Castro mobilizouse para solicitar unha achega da Vicepresidencia da Deputación, e contou co apoio e a boa acollida do ente provincial. «Comprometímonos a facer 15 Concertos Solidarios ao longo dun ano, levando nós o equipo de son e instrumentación, que son do Concello, e a Deputación pagaba os gastos de desprazamento e manutención dos músicos». E empezou a xira: Castro Caldelas, Chantada, Mondoñedo («que foi un éxito»). Recadaron en Viana do Bolo 1.500 euros para custear tres becas a estudiantes de Bolivia; conseguiron superar en Quiroga os 1.400 euros que precisaba un rapaz con parálise cerebral para custear unha cadeira adaptada; en Monforte colaboraron coa asociación Ruliños, con Cáritas, e animaron as tardes dos maiores da Residencia do Malecón; en Lugo tocaron a favor da Asociación en apoio da xestación subrogada…

Violín e batería, gaita e teclados, flauta e guitarra eléctrica, entre outros, compoñen os sons da Banda Folk de Ribas de Sil, acompañados dun toque de animación a cargo do seu impagable showman, Mario González. «Vale moito, ten humor e leva o espectáculo de maravilla», confesa Castro, que recoñece que os Concertos Solidarios «funcionan». Por iso, na Banda Folk de Ribas de Sil están operativos os 365 días do ano para colaborar. «A solidariedade no é cousa só do Nadal, fai falta durante todo o ano».•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Aí ven o Entroido!

Seguinte Nova

Ata o 25 de febreiro para inscribirse na UNED Senior de Sarria

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: