Paz Padilla leerá o pregón da XXIX Feira do Viño de Quiroga e decidirá o modelo gañador do Concurso de Camisetas

O Concello de Quiroga xa ten definido o seu programa de actos para a XXIX Feira do Viño. Comezarán así o vindeiro venres día 22 de abril coa celebración da VII Carreira Popular Feira do Viño a partir das cinco da tarde. Xa o sábado 23, tamén ás cinco da tarde, terá lugar un pasarrúas a cargo da Banda de gaitas San Martiño, para logo ás seis dar paso á recepción de autoridades na Casa Consistorial. Ás seis e media da tarde está prevista a inauguración do recinto feiral, e media hora máis tarde distintas actuacións musicais no Auditorio Municipal como as da Coral Polifónica de Quiroga, a Banda de gaitas San Martiño e o seu Grupo de danza. Acto seguido, no mesmo auditorio celebrarase a entrega de premios do VIII Certame Cartas de Amor Vila de Quiroga, e do Concurso de Debuxo Infantil.

Un grupo de xóvenes con camisetas deseñadas para a última Feira do Viño de Quiroga. Arquivo EC

A FEIRA DO VIÑO COMO MOTIVO DAS CAMISETAS

Pero o prato forte chegará ás oito e media da tarde coa lectura do pregón, a cargo da humorista, actriz e presentadora Paz Padilla, para dar paso á festa popular co grupo Limón. Arredor das nove e cuarto da noite celebrarase a entrega de trofeos aos colleiteiros, e tamén dos premios do concurso de camisetas. É de destacar esta inciativa, xa que o concurso de camisetas é o primeiro ano que se celebra. Deste xeito, o Concello ten convocada esta iniciativa para o sábado 23, na que poderán participar todos os grupos que o desexen a partir de catro integrantes. A temática das camisetas terá que estar relacionada coa propia feira do viño, e todos os que estén interesados poderán apuntarse ata o vindeiro 22 de abril, ben na Casa da Cultura ou tamén chamando ao 982.43.51.25. Dende a Casa da Cultura explicaron que “a idea do concurso de camisetas surxiu porque dende fai moito tempo, a indumentaria que trae a xente á feira do viño é moi distinta, específica, sobre todo para distinguirse unhas peñas de outras, e como eso lle dá un pouco de ambiente e ánimo á feira, este ano decidiuse que a camiseta máis orixinal ou a que gustase máis ao xurado (que vai a ser a pregoeira), levase un premio. En definitiva, trátase de animar un pouco máis a feira”. É o primeiro ano que se celebra dito concurso, sen embargo, dende a Casa da Cultura non dubidaron en sinalar que se fai “a raíz de que as peñas levan moitos anos acudindo en grupos de amigos con un tipo de camiseta especial, algo sempre moi distintivo”. O premio será único e consistirá nun lote de cinco caixas de viño dos participantes no certame deste ano. Xa volvendo ao resto da programación, o domingo 24 de abril os actos comezarán ás once da mañá cun pasarrúas a cargo da Banda de gaitas Os do Recanto, e ás doce e media terá lugar a recepción de autoridades na Casa Consistorial. O fin de festa vaino a poñer este ano a actuación da charanga Terras do Bibei ás seis da tarde no recinto feiral. Por outro lado, durante toda a fin de semana o Museo Etnográfico de Quiroga acollerá unha exposición de artesanía de Dolores Núñez Salgueiro, mentres que na Casa da Cultura poderá visitarse a mostra de pintura e fotografía de Iago Eireos Franco.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Exposición «Lois Pereiro. Camiño do Futuro Libremente»

Seguinte Nova

Novos pasos para o Museo Xeolóxico de Quiroga

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: