Financiación para mellorar os espazos comerciais urbanos

Municipios de menos de 50.000 habitantes poderán beneficiarse dos 6 millóns de euros que a Xunta destina para este fin

Os espazos comerciais abertos son un eixo fundamental nas economías locais. Arquivo EC.

Redacción-Monforte

Supresión de barreiras arquitectónicas, instalacións de bolardos para a creación de rúas peatonais nos centros urbanos, e a mellora e optimización enerxética da iluminación exterior son as necesidades máis frecuentes que recoñecen os representantes das áreas comerciais abertas do sur de Lugo. Á marxe das peculiaridades de cada vila, as rúas comerciais seguen a ser, na maioría dos concellos, o eixo dinamizador da zona. De aí que calquera actuación que as administracións poidan executar relativas á mellora destes entornos sexa ben acollida polos comerciantes. Na liña de promover ditas actuacións a través dos concellos, a Xunta de Galicia ven de destinar unha partida de 6 millóns de euros para a adecuación e modernización de equipamentos comerciais nos concellos. Estas axudas, promovidas pola Consellería de Economía e Industria, contemplan porcentaxes de subvención de ate un 75%, así como pagamentos a conta ou anticipos de ate o 50% das axudas co fin de facilitar aos concellos actuacións en materia de comercio no actual contexto de crise.

A directora xeral de Comercio, Nava Castro. CEI

 

Colaboración concellos-Xunta para a activación do sector comercial

Segundo explicou a directora xeral de Comercio, Nava Castro, esta acción englóbase no Plan Ágora, agora re-Comercia, dotado cun orzamento global de 130 millóns de euros, e que pretende “contribuír a construír un sector comercial galego máis competitivo e dinámico”. Neste proceso de potenciación do comercio, Nava Castro calificou o papel das actuacións desenvolvidas polos concellos como “imprescindible”, o que xustificaría a “oportunidade de establecer unha liña de colaboración entre a Consellería de Economía e Industria e as corporacións locais” neste eido. Así, os obxectivos destas axudas destinadas polo departamento autonómico que dirixe Javier Guerra aos concellos de menos de 50.000 habitantes centraríanse fundamentalmente na mellora dos espazos comerciais urbanos, a reconversión e modernización dos mercados municipais, a modernización da estrutura comercial en municipios tipificados como rurais, así como a adecuación dos espazos dos mercados tradicionais e ambulantes.

Requisitos dos concellos beneficiarios das axudas

Os concellos que desexen solicitar as subvencións integradas nesta liña de axudas, que será en réxime de concorrencia competitiva, deberán contar con menos de 50.000 habitantes, e ter constituida a mesa local de comercio naqueles casos nos que así o estipule a lei. A convocatoria permite a presentación das solicitudes en formato electrónico, co fin de simplificar a tramitación administrativa.

En canto ás características das axudas, a convocatoria establece que, con carácter xeral, as porcentaxes de subvención chegan ata o 75%, en beneficio dun maior número de proxectos subvencionables e concellos beneficiarios. O obxectivo destas axudas está destinado a potenciar especialmente as actuacións en mercados municipais, prazas de abastos e rúas peonís comerciais de vilas e cidades que contan con centros comerciais abertos e cunha densidade comercial axeitada, xa que, segundo se especifica nos termos da convocatoria, estes se configuran como un elemento clave do comercio de proximidade e exercen a función de polos de atracción comercial.

Punto de información da Rede de Innovación do Comercio

Finalmente, a directora xeral de Comercio precisou que esta orde de axudas se completa con subvencións a eixos comerciais en canto puntos neurálxicos do tráfico mercantil máis representativo, e coa adecuación de dependencias e adquisición de equipamento informático para o establecemento dun punto de información da Rede de Innovación do Comercio (REDIC).

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Vega Buján mantén contactos co sector turístico para a creación dun ente xestor provincial

Seguinte Nova

Antonio Veiga visita o campo do Sangoñedo logo das súas reformas

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: