Vega Buján mantén contactos co sector turístico para a creación dun ente xestor provincial

O último encontro, que tivo lugar en Monforte, serviu para sondear o grao de implicación dos ámbitos público e privado

Representantes do sector turístico, na reunión coa responsable de Turismo, Vega Buján. EC

O pasado xoves día 17 de marzo, a Vicepresidenta Terceira da Deputación de Lugo e responsable da área de Turismo, María Xosé Vega Buján, mantivo unha reunión co sector público e privado de turismo da Ribeira Sacra dos Ríos Miño e Sil. Dita reunión, que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Monforte, formaba parte do compromiso adquirido pola Deputación de Lugo durante a recente celebración do I Congreso de Turismo “Destino Lugo”, de construir un ente xestor para a promoción turística da provincia.

A este encontro acudiron, en primeiro lugar, distintos membros do sector privado procedentes da hostalería, restauración, turismo rural, adegas, campings ou paradores; e en segundo lugar, xa a última hora da mañá, membros do sector público, alcaldes e concelleiros da comarca e zonas próximas, ou consorcios.

Un dos obxectivos da reunión foi o de coñecer de primeira man o interese de ambos sectores por participar na creación dun órgano ou ente xestor para promocionar turisticamente a provincia, impulsando a opinión de todos os asistentes, e sondeando o seu grao de implicación tanto social como económica na posta en marcha deste ente centrado na divulgación dos servizos e recursos turísticos. Deste xeito, na reunión analizáronse distintas propostas turísticas xa empregadas noutras zonas e países do mundo, a modo de referentes.

I Congreso Destino Lugo

O I Congreso de Turismo “Destino Lugo”, que se celebrou o pasado mes de febreiro no Pazo de San Marcos, contou coa presenza de prestixiosos representantes deste sector a nivel europeo e nacional para analizar a situación pola que atravesa o turismo lugués e as posibles alternativas para impulsar este ámbito.

Trala súa finalización, a Vicepresidenta terceira da Deputación, e tamén encargada da clausura do congreso, destacaba, en relación ao principal obxectivo do congreso, que “o turismo en Lugo está a medrar por riba de calquera outra provincia galega. Trátase dun destino emerxente que precisa coordinar esforzos de cara á promoción conxunta da provincia e, por iso, había que crear un espazo de debate e exposición de experiencias sobre distintos modelos de xestión turística que xa están funcionando noutras partes. Era necesario para o futuro de Lugo como Destino Turístico”, sinalaba entón.

Asimesmo, facía un balance positivo do encontro, xa que “contamos cunha asistencia de 150 persoas pertencentes ao sector turístico da provincia, público ou privado, entre concellos, fundacións comarcais, GDRs, representantes do sector da hostalería e o turismo rural, empresas turísticas, asociacións de guías turísticos, e estudantes de turismo, entre outros. Pero tamén asistiron prestixiosos representantes do sector a nivel estatal e internacional, así como representantes do CETUR da Universidade de Santiago, para analizar diferentes alternativas que impulsarán o sector na provincia de Lugo”.

Pola súa parte, na clausura do Congreso, e como resultado das diferentes ponencias e debates, avanzouse que a partir do mes de marzo, comezarían a desenvolverse mesas sectoriais que permitirían presentar en abril o novo modelo de coordinación do turismo provincial. Esas mesas sectoriais están a ter lugar durante este mes. É de destacar que reunións como a que se celebrou en Monforte, tamén tiveron lugar na Mariña, na zona da Montaña, en A Ulloa e nas Terras do Miño. Unha vez rematadas, será cando dende a Deputación se den a coñecer as conclusións.

En canto ao novo ente, xa durante o Congreso, Vega Buján asegurou que será un organismo dinámico e innovador capaz non só de promocionar a provincia, senón tamén de vendela, de estar á cabeza no manexo das redes sociais e das novas tecnoloxías en xeral. Un organismo profesionalizado, no que o sector privado encontre apoio e vías de comercialización.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Delegación alemana visita unha adega da Ribeira Sacra

Seguinte Nova

Financiación para mellorar os espazos comerciais urbanos

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: