Crónica del sur de Lugo

Xosé Lois Maceda aspira a continuar catro anos máis como alcalde de A Pobra do Brollón “para que o Concello siga estando ao servizo de todos os veciños”

Os catro concelleiros que forman o actual Goberno municipal continúan á fronte da lista do BNG-Asembleas Abertas, e agardan que “os veciños e veciñas valoren o traballo feito nestes anos”

Os integrantes da candidatura do BNG-Asembleas Abertas ás eleccións municipais de A Pobra do Brollón, encabezados polo actual alcalde, Xosé Lois Maceda. (Foto cedida).
Os integrantes da candidatura do BNG-Asembleas Abertas ás eleccións municipais de A Pobra do Brollón, encabezados polo actual alcalde, Xosé Lois Maceda. (Foto cedida).

• O nacionalista Xosé Lois Maceda Vilariño aspira a continuar como alcalde de A Pobra do Brollón despois das eleccións do 24 de maio “para que o Concello siga estando ao servizo de todos os veciños e veciñas”. O rexedor nacionalista, veterinario e veciño da Ferreirúa, que leva oito anos como alcalde, lembrou como características da súa xestión “sanear as contas municipais e facer de A Pobra do Brollón un Concello Aberto onde se goberna para todos os veciños e veciñas”.

TRES CARAS NOVAS NA LISTA, QUE SE ESTREAN NA POLÍTICA ACTIVA

Xosé Lois Maceda encabeza a candidatura do BNG-Asembleas Abertas en A Pobra acompañado polo seu actual equipo de Goberno no Concello, formado por catro edís do Bloque Nacionalista Galego, que figuran nos catro primeiros postos da lista. “Agardo que os veciños e veciñas da Pobra recoñezan o traballo feito nestes anos”, afirmou Maceda.

Según explicaron os responsables desta formación política, ademais da “confianza e seriedade que aporta a continuidade de todo o equipo de Goberno”, a lista do BNG-Asembleas Abertas incorpora na Pobra a tres persoas que se estrean na actividade política. Trátase da restauradora de mobles Mónica Rodríguez Vázquez, de Piñeiros, que figura de número 5; a gandeira Vanesa Rodríguez, que aparece no número 8 da lista; e Héctor Maceda Armesto, que pecha a candidatura. “Dar entrada a xente nova aporta ilusión e axuda a refrescar as ideas”, argumentou Xosé Lois Maceda.

“UN EQUIPO DE GOBERNO QUE XESTIONA CON EFICACIA E DEFENDE OS INTERESES DOS VECIÑOS”

Maceda lembrou tamén que os primeiros integrantes da lista, Manuel González Moreiras, Ricardo Rodicio e Xosefa Rodríguez, forman neste momento “un equipo de Goberno que xestiona con eficacia pero que ademais defende os intereses da veciñanza e ponse sempre do lado dos veciños e veciñas”. O alcalde puxo como exemplo desta actitude “a loita veciñal por un servizo médico de calidade na Pobra do Brollón, onde o Concello estivo sempre na vangarda, ao pé dos veciños e veciñas”.

A lista do BNG-Asembleas Abertas de A Pobra do Brollón para as municipais de maio complétana o gandeiro Óscar Rivera López, o empregado e músico Xabier González Maceda e o fontaneiro Xosé Vide Páez. Como suplentes figuran Vicente Pérez Castro, Xesús Vila Regueiro e Xoán Xosé Vázquez González.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio