Pacadar: Dous anos para funcionar en Monforte

Xosé Ramón Gómez Besteiro e José Tomé na súa visita ao polígono de Monforte cos empresarios. EC

O presidente da Deputación de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro, acompañado do candidato do PSOE á alcaldía de Monforte, José Tomé, anunciou o pasado venres na cidade do Cabe que xa está firmado o convenio para a instalación nesta vila da fábrica de Pacadar, un convenio que permitirá comprar os terreos “a un competitivo prezo de 12 euros o metro cadrado”, sinalou Besteiro. “En total máis de 100.000 metros cadrados, que darán emprego a máis de 100 operarios, a parte dos postos auxiliares, e que deberán ser persoas de Monforte”, engadiu.

Vocación de permanencia

Asimesmo, Besteiro explicou que na memoria que se remitiu ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a empresa asegurou unha vixencia de preto de 70 anos, ainda que el mesmo non quixo poñer unha data. “Hai vocación de permanencia, pero bueno, ninguén pode garantir que dentro de 50 anos siga aquí, o que sí hai que facer é dar o paso, e nós fixémolo para poñer en marcha este proxecto”, explicou. Pola súa parte, e en relación ás actividades a desenvolver pola firma, Besteiro indicou que contemplaban a posta en marcha dunha pranta de prefabricados para obra pública nas proximidades do polígono industrial de O Reboredo nun prazo máximo de dous anos, surtindo ás obras propias, a empresas que non fabriquen e tamén ás do cadrante noroeste da península. A isto, Tomé tamén quixo engadir que “en 2012 debería haber palas traballando”.

Concretamente, o candidato do PSOE quixo destacar que se trataba dun gran día para Monforte. “É unha moi boa noticia que o presidente da Deputación se reunira aquí cos empresarios, cumprindo así aquel compromiso que tíñamos de traer xa o convenio firmado con Pacadar e a fianza pagada, e polo tanto xa depositada na Deputación, porque este é o comezo de que o asento de Pacadar en Monforte xa é definitivo”. Tomé tamén explicou que os terreos están con opcións de compra prácticamente todos, agás unha pequena parte dunha parcela que agardan poder comprar nos próximos días, motivo polo que quixo agradecer a colaboración dos propietarios dos terreos. “Os pasos a seguir agora son que durante os meses de marzo e abril escrituraranse diante dun notario estas parcelas de xeito formal. A partir de aí o que cómpre é tramitar a recalificación dos terreos diante do Concello e diante da Xunta de Galicia, para que aproximadamente dentro dun ano xa haxa palas traballando nestes terreos”, engadiu. “Isto supón un antes e un despois para Monforte en canto a creación de emprego. Desgraciadamente levamos moitos anos pechando empresas en Monforte, e non houbo ningunha empresa nova que viñera de fóra a suplir toda esa perda de emprego. E esta non é unha empresa calquera, é un grupo económico moi importante de España, e iso sempre anima a outras empresas coas que temos contacto a seguir o mesmo camiño”, indicou Tomé.

Longa xestión do acordo

En canto a prazos, o socialista quixo aclarar que as máquinas estarán traballando para explanar e facer o peche perimetral durante un ano máis ou menos, así que Pacadar, posiblemente, dende que empecen as obras de explanación tardaría un ano máis: “Estaríamos falando polo tanto do 2013 en canto a produción”.

Pacadar foi unha das promesas electorais que o PSOE monfortino xa levou incluída no seu programa electoral fai catro anos. Ante isto, Tomé aclarou que volvían agora a retomar esta proposta porque as negociacións da implantación desta empresa levaron o seu tempo. “Xa fai algo máis de tres anos que a empresa decidiu tomar a decisión de virse para aquí. Pero a partir de que toma esa decisión hai que negociar as condicións e hai que ver as axudas que vai a ter esa implantación. Entón, nós o que fixemos foi negociar durante ese tempo coa empresa, co Igape e coa Deputación, para poder adquirir estes terreos, firmar o convenio que se firmou, e establecer unhas condicións de urbanización e de prezo, e todo iso levou o seu tempo. Non obstante, decir que as negociacións xa remataron no mes de outubro, pero dende outubro ata agora ainda quedaban acordos por aprobar, e tamén xestionar con Fenosa a implantación dun transformador con 800kw de potencia para esta fábrica”, explicou. Con todo isto, para o candidato socialista o que toca agora “é poñer o punto de mira noutras posibilidades con outras empresas para que en Monforte se cree emprego, volvamos a medrar en poboación e teñamos de novo un pobo dinámico economicamente”, concluiu.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Máis de 5.500 parados

Seguinte Nova

O paro e as iniciativas contra o desemprego en Monforte, Sarria e Chantada: os cidadáns opinan

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: