A Xunta oferta 2 millóns de metros cadrados de solo industrial con rebaixas de ata o 50 por cento no seu prezo

A primeira fase abriuse en xaneiro con 500.000 metros cadrados propiedade de Xestur

•A segunda fase activarase no mes de marzo, coa oferta das parcelas do Instituto Galego de Vivenda e Solo •Este programa de bonificacións para a compra de solo industrial forma parte da Axenda de Competitividade de Galicia, que prevé a creación de 50.000 empregos no ámbito industrial ata 2020, e incrementar ata o 20% o peso da industria no PIB

A segunda fase deste programa de bonificacións comezará en marzo, para as parcelas do IGVS, que inclúen terreos nos polígonos de Bóveda, Quiroga e Monforte de Lemos.  EC
A segunda fase deste programa de bonificacións comezará en marzo, para as parcelas do IGVS, que inclúen terreos nos polígonos de Bóveda, Quiroga e Monforte de Lemos. EC

 

• A Xunta de Galicia vén de poñer á venda medio millón de metros cadrados de solo industrial propiedade de Xestur con rebaixas de ata o 50 por cento. Esta actuación é a primeira fase do programa que mobilizará ata 2 millóns de metros cadrados de solo industrial, incluído na Axenda da Competitividade Industrial Galega (Galicia-Industria 4.0), e que ten por obxecto incrementar ata o 20% o peso da industria galega no PIB e a creación de 50.000 empregos no sector nos próximos 5 anos.

ADXUDICACIÓN DIRECTA PARA AS PARCELAS QUE QUEDARON SEN LICITADOR NA PRIMEIRA FASE
O concurso convocouse en xaneiro, e o prazo para presentar solicitudes rematou a mediados de febreiro. Unha vez resolto, as parcelas que non foron adxudicadas por falta de licitadores poderán ser adxudicadas polo mesmo prezo que rexeu no concurso a quen a solicite mediante adxudicación directa.
Este programa contempla rebaixas de ata o 50% para os parques empresariais situados nas Zonas Impulsa, que inclúen Ourense, Ferrolterra, Lugo e Costa da Morte, así como para os concellos fronteirizos con Portugal. Na provincia de Lugo, esta bonificación aplicouse ás parcelas dos parques de Barreiros, O Corgo, Cervo, Foz, As Gándaras, Guitiriz, Muimenta, Vilalba e Viveiro. Ademais, estableceuse unha rebaixa do 30% no resto de parques industriais non urbanos, en Arzúa, Melide, Ordes, Boiro, Sigüeiro, Santa Comba, Negreira, Silleda e Lalín. Os polígonos situados en áreas urbanas contaron cun desconto do 15% no prezo das parcelas, e inclúen os parques de A Sionlla en Santiago, o de Reigosa en Pontecaldelas, o de Mos, e o de Morás en Arteixo.
As parcelas obxecto de licitación son propiedade do ente instrumental da Xunta de Galicia Xestión do Solo de Galicia-Xestur S.A. Ademais, non están suxeitas a ningún compromiso de venda ou opción de compra, están libres de cargas, e suficientemente definidas dende o punto de vista urbanístico e rexistral.
O procedemento seguido foi o de venda con publicidade, aberta e incondicional, adxudicándose ao mellor postor ou oferta máis vantaxosa, según os criterios incluídos nas bases do concurso. A compra de parcelas realizouse según a súa configuración no parcelario, ou tamén cunha superficie e configuración diferente que puidera resultar da segregación das parcelas orixinais.
Pola súa banda, o adquirente está obrigado a concluír a edificación proxectada na parcela e a obter a habilitación correspondente para a primeira actividade no prazo de 3 anos dende a compravenda.

O mapa amosa a distribución dos parques empresariais propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) (sinalados en cor vermella), e de Xestur (marcados en cor azul). (Infografía: Instituto Galego de Vivenda e Solo- IGVS).

 

SEGUNDA FASE EN MARZO
A segunda fase deste programa de rebaixas nos prezos do solo industrial abrirase no mes de marzo, coa oferta de parcelas en parques empresariais propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), e que no sur de Lugo inclúe os polígonos de Bóveda, Quiroga e Monforte de Lemos.

OBXECTIVOS DA AXENDA GALICIA-INDUSTRIA 4.0
Este programa de bonificacións forma parte de Galicia-Industria 4.0, Axenda da Competitividade Industrial Galega, que establece as pautas para modernizar a industria co obxectivo de crear 50.000 novos empregos de calidade ata o ano 2020. Esta Axenda, que está a consensuarse cos axentes implicados, suma 60 accións específicas en torno a cinco eixos: factores territoriais de competitividade, persoas e organizacións, crecemento, innovación e mercados. Con esta Axenda, a Xunta aspira a modernizar a industria galega a través da innovación, establecendo novas fórmulas de produción que melloren a súa competitividade, e impulsando a fabricación de produtos diferenciados e de calidade. Ademais, a Axenda ten unha clara orientación sectorial co obxectivo tanto de reforzar sectores estratéxicos da economía galega (agroalimentario, automoción, naval, forestal ou téxtil), como de impulsar outros emerxentes e de maior valor engadido, como o aeronáutico, o biotecnolóxico ou as TIC.
Esta estratexia busca consolidar en Galicia a denominada Industria 4.0, composta por fábricas intelixentes, sostibles e sociais, que outorga máis responsabilidades ás persoas, máis cualificadas e ben formadas.
Para favorecer a competitividade, apoiarase un sistema formativo que aposte pola Formación Profesional Dual. En canto ao crecemento, a Axenda contempla o impulso de novas oportunidades comerciais co Programa de Intelixencia Competitiva, e novos programas de financiamento, como o programa Fábrica Intelixente, no que, a través dun concurso, se financiará aos mellores proxectos presentados dentro do marco da Industria 4.0.
En canto aos novos mercados e vinculado ao desenvolvemento da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega, potenciaranse os procesos de relocalización e integración de cadeas de valor, e o papel de Galicia como plataforma loxística no tráfico de mercadorías.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

DIVERSIÓN, HUMOR E TALENTO INTERPRETATIVO NO GRAN FESTIVAL DE ENTROIDO DO IES DAVIÑA REI.

Seguinte Nova

A Tradescola de Lugo escolleu Ferreira para desenvolver o IV Curso de Construción de Palletas

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: