Mellora dos accesos rurais en diversas zonas no sur de Lugo

A petición da veciñanza, a Deputación está a acometer obras para facilitar o traballo agropecuario e a calidade de vida

A vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, durante a súa visita ós camiños, recén acondicionados, de acceso a montes comunais no término municipal de A Pobra do Brollón, a comezos de setembro. GPDL.
A vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, durante a súa visita ós camiños, recén acondicionados, de acceso a montes comunais no término municipal de A Pobra do Brollón, a comezos de setembro. GPDL.

• Os traballos de mellora de accesos e camiños rurais quedaron completados este mes en diversos puntos do término municipal de A Pobra do Brollón. As obras foron solicitadas pola veciñanza, e financiadas pola Deputación de Lugo. En concreto, as actuacións desenvolvéronse nun total de 42 quilómetros de accesos a terreos forestais de monte comunal dende os lugares de Pazos de Veiga, Sáa, A Pobra do Brollón, Castroncelos, Liñares e Vilachá.

RECUPERACIÓN DE ACCESOS Ó MONTE PARA AS TAREFAS DO PERSOAL FORESTAL
Según explicaron os responsables provinciais, o obxectivo destes traballos consistiu en acondicionar diversos camiños cara o monte de man común que se atopaban impraticables. Deste xeito, as actuacións realizadas van beneficiar á comunidade veciñal e tamén ós traballadores forestais da Xunta de Galicia, que non tiñan detectada a situación de inaccesibilidade desta zona. Dende a Deputación suliñaron que estes traballos fan posible que os operarios forestais autonómicos poidan acceder, se as circunstancias o precisaran, ó monte dunha maneira rápida e segura.

AS OBRAS BENEFICIAN A PRETO DE 300 VECIÑOS DE BROLLÓN
Por outra banda, as obras de mellora nestes camiños facilitarán o acceso ó monte comunal a 300 veciños da zona, de xeito que poidan facer uso destas terras. Así, estas actuacións están en consonancia co obxectivo da Deputación de Lugo de recuperar terreos abandoados, co fin de mellorar a rendibilidade da terra na nosa provincia mediante o aumento da base territorial das explotacións, apoiando a iniciativa de agricultores e gandeiros lucenses de apostar polo rural.
Por último, estes arranxos nos camiños forestais contribúen a previr incendios e a controlar a fauna.

FÁCIL ACCESO Á LEÑA DE CONSUMO DOMÉSTICO, E POSIBILIDADE DE REALIZAR CAMIÑATAS
Ademais destas vantaxes xerais, dende os colectivos veciñais destacaron as melloras inmediatas que estes traballos lles van reportar, como ó acceso máis fácil á leña para consumo doméstico, co conseguinte aforro de cartos.
A nivel económico, tamén se notan os arranxos nos camiños rurais cando se trata de acceder a granxas particulares. Na zona de Sáa, a Deputación financiou a recuperación dun camiño en mal estado para reabrir o acceso dun propietario á súa explotación agrogandeira.
Outra das vantaxes que os veciños atopan na recuperación e acondicionamento dos camiños rurais é a posibilidade de empregar estes trazados para realizar camiñatas, o que fomenta a súa calidade de vida e a realización de actividades grupais que melloran a socialización dos veciños en núcleos caracterizados polo espallamento da poboación.
Unha vez completadas as obras, a comezos de setembro desplazouse ata A Pobra do Brollón a vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, para supervisar o resultado dos traballos. Acompañada polos veciños que solicitaran a axuda do organismo provincial para acometer as obras, Méndez lembrou que a mellora das dotacións do rural é un dos “piares básicos” do traballo da Deputación, e do seu “compromiso con todos os Concellos da provincia de Lugo”.•

Acondicionamento da estrada LU-P-4104 ó seu paso por Pombeiro

O deputado de Goberno Interior, Miguel Sotuela, supervisou os traballos na LU-P-4101 acompañado de veciños da zona.  GPDL.
O deputado de Goberno Interior, Miguel Sotuela, supervisou os traballos na LU-P-4101 acompañado de veciños da zona.
GPDL.

• A mellora da rede viaria provincial está a continuar no sur de Lugo. En concreto, no mes de setembro desenvolvéronse as obras na LU-P-4101 no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 9 ó 11,200, traballos para os que a Deputación de Lugo destinou 60.000 euros.
As obras consistiron na limpeza e acondicionamento das cunetas deste tramo para o seu posterior ensanchamento, e continuaron coa aplicación de aglomerado en quente dun total de 2.200 metros de vial.
MELLORA NUN DOS TRAMOS MÁIS TRANSITADO DO MUNICIPIO
Esta mellora supón un beneficio importante para a veciñanza nas comunicacións entre o núcleo de Seguín con Os Peares ó seu paso por Pombeiro, no término municipal de Pantón.
Según explicou o deputado de Goberno Interior, Miguel Sotuela, na súa visita a esta estrada durante a realización dos traballos, a actuación financiada polo organismo provincial “vai mellorar notablemente a seguridade vial nun dos tramos máis utilizados deste municipio”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

As microempresas galegas superan á media estatal en dispoñibilidade de telefonía móbil, páxina web e uso de redes sociais

Seguinte Nova

O concurso de fotografía “Galicia, a todo tren” recibiu máis de 4.500 visitas

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: