560 solicitudes para as axudas do plan provincial de impulso ó sector primario e ó rural

Recuperar terras baldías, facer novas traídas de auga e mellorar espazos comunitarios

•O plan posto en marcha pola Deputación de Lugo conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros •O organismo provincial é a primeira Deputación de Galicia en ofrecer axudas para recuperar terreos baldíos, que en Galicia suman o 80% do territorio

O plan provincial de impulso ó sector primario e ó rural lucense está dotado con 1,7 millóns de euros. Arquivo EC.
O plan provincial de impulso ó sector primario e ó rural lucense está dotado con 1,7 millóns de euros. Arquivo EC.

• O plan de impulso do sector primario e do rural que puxo en marcha a Deputación de Lugo recibiu un total de 560 solicitudes, que optarán ás axudas para as que o organismo provincial destina un orzamento de 1,7 millóns de euros. Os responsables desta iniciativa valoraron positivamente a cifra de solicitantes, “que amosan o interese e o éxito da nosa programación”, según precisou o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez. Será unha mesa de valoración, “estrictamente técnica”, a encargada de revisar as solicitudes e resolver as subvencións ó longo deste mes.

POSTA EN VALOR DO TERRITORIO A TRAVÉS DAS AXUDAS Á RECUPERACIÓN DE TERRAS ABANDONADAS
Según explicou na súa intervención a finais de agosto o voceiro provincial socialista, un total de 129 das solicitudes presentadas para as axudas do plan de impulso do sector primario e do rural corresponden a proxectos de recuperación de terras abandonadas. Manuel Martínez destacou a importancia de impulsar este tipo de iniciativas, xa que a superficie agraria abandonada en Galicia aumentou en máis dun 66% na última década, sobre todo na nosa provincia. “Deste xeito, agora mesmo o 80% do territorio galego está sen poñer a producir”, precisou o voceiro socialista. Estes datos confirman que proxectos como o Banco de Terras, “ou non están funcionando axeitadamente, ou resultan insuficientes”. De aí, según apuntou Martínez, que a Deputación de Lugo sexa a primeira de Galicia en ofrecer subvencións para proxectos de recuperación de terreos baldíos. O voceiro provincial socialista insistiu en que “fan falta máis medidas como estas axudas, para incentivar a posta en valor do territorio”. Ademais, Martínez destacou que estas subvencións contribúen directamente a previr incendios forestais e a controlar a proliferación da fauna salvaxe, “favorecendo así unha axeitada ordenación do territorio”.

APOIAR “A QUEN REALMENTE VIVE, TRABALLA E CREA EMPREGO NO CAMPO”
Según explicaron os responsables provinciais, esta liña de axudas dispón unha aportación de 500 euros por hectárea, ata un máximo de 9.000 euros por beneficiario. Os solitantes son gandeiros e agricultores a título individual ou ben agrupacións, SAT ou persoas xurídicas que teñan titularidade de explotacións. Os beneficiarios deberán manter a parcela en produción durante un mínimo de dous anos, e de non cumprir este requisito perderán a axuda. Ademais, deberán xustificar, a través da presentación da súa declaración da renda, que polo menos un 50% dos seus ingresos procede da actividade agropecuaria. Estes requisitos tratan de garantir que as axudas favorezan “a quen realmente vive, traballa e crea emprego no campo, todo o contrario que a PAC, pois, por culpa dos criterios de reparto fixados polos Gobernos central e galego, prima a quen non vive no campo, nin do campo”, destacou Manuel Martínez.

MELLORA E CREACIÓN DE TRAÍDAS DE AUGA PARA COMUNIDADES DE MONTES, DE USUARIOS OU ASOCIACIÓNS DE VECIÑOS
Un total de 104 solicitudes para as axudas deste plan provincial foron proxectos de mellora e construción de traídas de auga, que según o voceiro socialista, “é un servizo básico e custoso, ademais de fundamental para a actividade agrogandeira, que moitos concellos non teñen capacidade económica para garantilo”. Estas axudas foron solicitadas por comunidades de montes e de usuarios, e por asociacións de veciños.
Os criterios de adxudicación priorizarán o número de usuarios adicados á actividade agropecuaria, co fin de axudar ó sector primario. O importe máximo de cada subvención para nova construción é de 30.000 euros, e para este concepto presentáronse 48 solicitudes. En canto á mellora das traídas de auga existentes, o importe máximo por obra é de 10.000 euros. Esta liña rexistrou un total de 56 proxectos solicitantes.

ACONDICIONAMENTO DE ESTRUTURAS DE USO COMUNITARIO
Este apartado foi o que rexistrou un maior número de solicitudes dentro do plan provincial de impulso do sector primario e do rural, cun total de 327 peticións. Isto inclúe o arranxo de todo tipo de instalacións que melloren a vida no campo e faciliten o seu traballo, como o arranxo de camiños e pistas, e todos os sistemas de servizo de auga como fontes, bebedeiros, depósitos contra incendios, ou sistemas de regadío comunitario. Esta liña de axudas establece un máximo de 12.000 euros por beneficiario.•

•A Deputación lucense, a primeira que selecciona por concurso as entidades de crédito

• O Boletín Oficial da Provincia de Lugo publicou o 25 de agosto o anuncio do procedemento do concurso público para a selección de entidades de crédito, para a colocación de excedentes de tesourería en depósitos bancarios. O Perfil do Contratante publicou nesa mesma data o prego que rexe dito concurso, que incorpora cláusulas sociais en defensa do público e dos dereitos dos cidadáns. Según precisaron os responsables provinciais, esta medida foi promovida a iniciativa do Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro.

CRITERIOS DE VALORACIÓN
Os criterios de adxudicación que se establecen no prego do concurso valorarán, por unha banda, a relación de oficinas e medios persoais adscritos á execución do contrato, distribuídos na provincia de Lugo, e por outra, a porcentaxe de reclamacións resoltas satisfactoriamente nos produtos de risco, especialmente, nas participacións preferentes e débeda subordinada. Ademais, teranse en conta as condicións sociais e laborais dos empregados encargados da execución do contrato, como as melloras salariais por enriba do convenio colectivo e medidas de conciliación da vida familiar e laboral. Entre outros aspectos, valoraranse tamén o plan de formación do persoal, o grao de satisfacción dos clientes ou as actividades que se organicen en promoción da provincia.
Deste xeito, a Deputación de Lugo convértese na primeira Administración de Galicia en seleccionar por concurso público as entidades de crédito. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Unha expedición de 40 sarriáns visitou a Bretaña francesa

Seguinte Nova

A cultura fluvial da Ribeira Sacra xa ten museo

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: